Etiquetas

, , , , ,

Espero que non teñan experimentado en carne propia aquilo de que quen debe dez ten un problema co banco, pero quen debe un millóns, é o banco quen ten un problema con el (e de ter sufrido a experiencia, agardo que fose na segunda das modalidades), pero seguro que están de acordo. Como tamén concordarán en que si es un delincuente, é moito mellor ser un delincuente con agarradeiras que un delincuente ao que simplemente agarraron. E miren senón para o señor Núñez, antecesor de Laporta e de Sandro Rosell na presidencia do Barça, condenado no seu día a seis anos de prisión por untar a uns inspectores de Facenda, que non entrou nin entrará no cárcere, como o ex ministro Matas, coa mesma liberdade de movementos a pesar de ter a mesma condena pendente. Ou o caso do concello de Miño, arruinado cunha débeda de 30 millóns de euros, e cos que tomaron a decisión que a provocou, tan campantes. Proben a romper unha ventá da Casa Consistorial diante dun garda, a ver se as consecuencias son inmediatas ou non.

O caso de Josep Lluis Núñez foi o de maior corrupción que se acorda en Cataluña. Inspectores de Facenda e grandes empresarios conchabados que defraudaron ao erario público uns 13 millóns de euros. 15 anos despois de descubrirse o escándalo, e 21 desde que se cometera, o Supremo acaba de rebaixar a condena de Núñez de 6 a 2 anos, os xustos para que siga ceibo, e de 13 a 6 ao xefe dos inspectores. E aínda están por facer os trámites xudiciais para que devolvan os cartos. A sentencia do Supremo, na que actuou de poñente o maxistrado pontevedrés Luciano Varela argumenta a rebaixa en que se acumularon innecesariamente os casos e na demora do proceso, por exemplo, “na disparatada prolongación de las sesiones del juicio oral”. Home, alguén toma decisións “disparatadas” nun caso crucial e non hai responsabilidades?

Urbanización de Fadesa (Alfredo Cáliz. EL PAIS)

En Miño, ou no barrio coruñés de Someso, os respectivos gobernos locais expropiaron a uns veciños os seus terreos en beneficios duns empresarios. Si, xa sei que posiblemente a súa intención era excelente, que era unha operación na que uns e outros apostaban polo o progreso da vila/cidade, para que as familias de Madrid viñeran veranear todas xuntas no caso de Miño, ou para que as novas clases medias tiveran Carrefour e o campus a man, no caso coruñés. O que queiran, pero o que os tribunais estableceron foi que os respectivos concellos, é dicir, os que mandaban nos respectivos concellos déronlle o pau aos veciños en detrimento duns construtores que apostaban, etc, pero que tiveron os terreos máis baratos que se os adquiran no libre mercado ese.

Ben, como saberán –e se non para iso me teñen- aquelas corporacións, ou polo menos aqueles mandatarios fóronse. Porque se cansaron, porque total para que, porque as vían vir ou polo que fose. O de Miño, Juan Maceiras, a seguir ganando montes de cartos no póker online, e o da Coruña, Paco Vázquez, de embaixador no Vaticano (pena de non aguantar un chisco máis, sería curioso velo co papa Francisco). Os gobernos pasan, pero as institucións quedan, e os buratos con elas. E a quen os cavou, nada? Lo siento mucho, me he equivocado, no volverá a pasar e hala?

(La Opinión de A Coruña 1/2/2014)

Advertisements