Etiquetas

, , , , , , , , ,

Algún día leak entrará no dicionario da RAE, non sei se así ou transformado en liq, ou lic, por moito que xa existan as palabras “fuga”, “filtración” ou “escape”. Entrará porque o español está ameazado polo catalán ou polo galego, pero non polo inglés, e a escusa para introducilo será que liq/lic significará a filtración ou revelación xornalística de algo que xa sabía todo o mundo, pero ata o momento, os que o dicían levaban unha manta de paus por dicilo, ou era considerados uns radicais, dependendo do sitio. O último liqs/lics (ou será liques?) é o Chinaleaks, e achega a gran novidade de que hai unha serie de parentes dos gobernantes chineses que teñen agachadas contas bancarias en paraísos fiscais, en concreto no Caribe.

En concreto, segundo o Consorcio Internacional de Periodistas de Investigación (ICIJ), 22.000 chineses teñen contas opacas en sitios ídem, e deles 13 son cuñados, sobriños e demais familia dos políticos, e 16 son magnates privados. Pero non teñen unha cada un. Por exemplo, nas Illas Virxes Británicas, un conxunto de 40 illas das que soamente a cuarta parte están poboadas por un total de 27.000 habitantes, están domiciliadas un millón de contas, e delas 400.000 son de chineses. A 10.000 contas chinesas por illa e a 15 contas por habitante. Iso de ter un sistema comunista e capitalista á vez non é estar tolo, como no caso da canción de Antonio Machín, senón ter o mellor dos dous mundos. A oportunidade de facerse rico do capitalismo e os obreiros mandadiños do comunismo, coas vantaxes engadidas de non se ter que preocupar de cousas como as prestacións sociais, o impacto medioambiental, etc.

Con todo ese chollo, está claro que ía proliferar esa especie común ao capitalismo e ao comunismo: o enchufismo ou ti de quen vés sendo. Un informe bancario en 2006 aseguraba que menos do 1% da poboación chinesa total posuía máis do 70% da riqueza da nación, mentres na maioría das nacións desenvolvidas, o 5% das familias posúen arredor de 60% da riqueza total. En Estados Unidos, para sumar o 70% da riqueza do país hai que xuntar o 10% da poboación. Non me digan que non ten mérito, porque en Europa ou nos Estados Unidos moitos tiveron a grande vantaxe de ter a riqueza herdada, desde a familia real inglesa (a Real, a de Elisabeth II), ata os Rockefeller, pero en China, os que amasaron fortunas partiron de cero hai nada. O seu caso foi, como din en México, o de eu non quero que me dean, senón que me poñan onde hai.

O mesmo método mexicano foi o de xente como Miguel Blesa ou o alcalde de Burgos, Javier Lacalle. Blesa era un inspector de facenda amigo de Aznar cando o puxeron de director xeral de Caja Madrid. Todo o mundo o sabía e ninguén o dixo ata que levou a institución á ruína. Javier Lacalle é un señor que chegou a alcalde dunha cidade de 180.000 habitantes aos 44 anos sen ter nunca un traballo de verdade fóra da política (nin a súa muller tampouco), o que non lles impide vivir nun piso valorado en medio millón de euros. Iso de que prosperar é cuestión de aproveitar as oportunidades é absolutamente falso. Prospérase moito máis cando hai impunidade.

 (La Opinión 25/01/2014)

 

Advertisements