Etiquetas

, , , , ,

As informacións das presuntas corruptelas atravesan unha serie de fases. Na primeira, é todo mentira e as ameazas de demanda sobrevoan os espazos mediáticos co mesmo ruído que os avións as casas situadas a pé de pista. Logo, cando esas informacións collen corpo sumarial, é o momento estelar dos meros indicios, de invocar con firmeza a presunción de inocencia e rexeitar coa mesma afouteza os xuízos paralelos. Finalmente, cando aínda a xustiza non se pronunciou sobre se o que o pasou foi delito ou non, pero pasa a ser de coñecemento público como falaban e se comportaban, chega o momento das interpretacións e dos xuízos de valor, non paralelos senón perpendiculares. “Hai diferencia entre pedir ou recibir diñeiro e un enchufe”, valorou o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Razón non lle falta. A tal diferencia xa quedou establecida vai para dous mil anos, nada menos que na Biblia: “En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles aos necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: ‘é máis felicidade dar que recibir’” (Feitos dos apóstolos, 20:35). Non é o mesmo buscar o proveito propio que axudar aos demais. Pero nestes asuntos hai que andar con coidado e non poñer a man no lume por ninguén. As aparencias enganan. Moitísimo. “¿Cómo iba a pensar yo que había negocios turbios cuando Correa tenía en su despacho una bandera de España y otra del PP?”, espantábase hai tres anos Luis de Miguel Pérez, avogado de Francisco Correa, cerebro da Gürtel, da catadura moral do seu cliente, segundo contaba onte este xornal. Algo dos seus negocios debía saber, cando era administrador único de catro das principais sociedades de Correa. E de cousas turbias, non digamos, porque hai un ano foi condenado a 21 anos de cárcere e unha multa de 19 millóns de euros por axudar a defraudar fiscalmente 16 millóns a outro empresario polo mesmo sistema que usou con Correa, creando unha maraña de empresas.

Unha desas sociedades, Creative Team -non me digan que o nome non ten o seu aquel: Equipo Creativo -, foi a que lle pagou a unha empresa de Francisco Álvarez Cascos uns 70.000 euros por un concepto que nin pagador nin pagado lembran exacta nin remotamente cal era. Por esa razón, conta este periódico, hai quen está considerando solicitar a imputación de Álvarez Cascos. E aquí é cando habería que aplicar o de dar e recibir. Francisco Álvarez Cascos ten unha Medalla de Ouro de Galicia, concedida por uns méritos adquiridos cando a crise do Prestige que nin exacta nin remotamente coñecen nin el nin quen lla deu, un goberno galego no que era vicepresidente Alberto Núñez Feijóo. Ou sexa que se por un casual “alguén peca dalgunha destas maneiras, terá que devolver todo canto negou, ou roubou, ou usurpou pola forza; ou se quedou co diñeiro que lle deran a gardar, ou non entregou a cousa perdida que atopou, e por calquera das cousas polas que xurou en falso, devolverao todo e engadirá un quinto máis, e entregarao el mesmo en persoa ao seu dono no mesmo día en que faga a reparación do seu delito”. (Levítico, 5, 23-24). Pero xa verán como non, como a Biblia está sacada de contexto.

 (La Opinión de A Coruña, 8 de febreiro de 2014) 

Advertisements