Etiquetas

, , ,

O noso carácter nacional non queda establecido por cumprir aquelas condicións que ditou Stalin: unha comunidade estable, historicamente constituída, de lingua, de territorio, de vida económica e de formación psíquica, que se traduce pola comunidade de cultura. Nós imos más alá. Galicia é unha comunidade que delinque de forma diferente. De entrada, debemos ser o único sitio do mundo no que unha empresa, Vendex, presuntamente untaba políticos para conseguir contratos e o resultado era que tiña perdas. Non falo deses –presuntos- delitos da Pokemon ou Pikachu, nos que quedamos como uns asaltantes de galiñeiros en comparación co que pasaba en Levante (nunca mellor dito que agora) ou no Sur. Falo doutros, como os delitos fiscais ou secuestros que son novidades no noso modus delinquendi.

         O noso era o uso do coitelo, a fouce ou a machada para resolver litixios do sector agrimensor, a concepción pioneira da eliminación das fronteiras no libre comercio de mercadorías, e a parte alícuota de delitos contra a propiedade e de crimes de sangue que nos corresponde, mitigada polo tempero que produce o clima no noso carácter. Pero vaites que mirando as estatísticas, resulta que Lugo é das provincias con maior porcentaxe de economía somerxida. E non porque Mondoñedo sexa un paraíso fiscal, ou en Rábade teña a súa sede social banco ningún, e non creo que se deba a que no polígono do Ceao estea a base operativa do Chino Antonio. Pero así é: Lugo é das escasas provincias españolas nas que a economía en negro supera o 28% do total (Pontevedra e Ourense o 25%, A Coruña o 21%). Debe ser porque en Lugo a economía está xa toda somerxida (e en Ourense, ou na súa meirande parte, simplemente a economía non está).

Pero o máis definitivo é o caso do secuestro en Aranga, que máis que en Aranga parece que pasou en Fargo (North Dakota, USA) como a película dos irmáns Cohen. Non me digan que media ducia de sesentóns secuestrando un home e gardándoo nun galpón non é algo chusco de máis aquí, que te ven os veciños, acabas facendo amizade con el e convidándoo a que veña á festa do patrón. Miren se non o que dicía a señora da banda de secuestradores, que xustificaba ter o home descoñecido nun pendello porque era tempo da matanza e neses días, xa se sabe, hai que meter a xente onde se pode, e un máis na mesa non se nota. Ou o que declaraba a propia vítima, que tanto o trataban a patadas como o convidaban a polbo. En canto ao rapaz recén chegado de México, con aspiracións de facerse policía local ou garda civil, que máis galego que a procura de ter unha cousa fixa para asegurar o mantento, e logo poder poñer a ansia emprendedora noutros ámbitos. Non deixa de ser conmovedora a preocupación da familia por se este asunto do secuestro lle pode prexudicar nas súas aspiracións a formar parte das forzas e corpos de seguridade. Vindo de onde viña o mozo, de seguro que o entendeu como estar facendo prácticas pola súa conta.

E a verdade, tendo en conta quen recunca en determinados cargos tendo en conta o que fixo, por que non. Experiencia e habilidades no sector da delincuencia tenas demostradas de sobra.

(La opinión de A Coruña, 15 de febreiro de 2014)

 

 

Advertisements