Etiquetas

, ,

“Quen non fai o que pode para levar adiante unha empresa?”, escoitou un amigo o outro día nun bar un comentario referido á Operación Pokémon. Contábamo entre escandalizado e resignado, adoptando esa actitude que o ensaísta Xaime Subiela define como “identidade negativa de segundo grado” no seu libro Para que nos serve Galiza? e que o pintor Laxeiro exemplificaba coa frase “que bonito país e que carallo de xente”. Non sei o que lle dixen daquela, pero home, diríalle agora, como non vai pensar a xente como pensa, se un dos partidos que conforman o noso sistema político e social, incluso o partido que representa a orde establecida, o conservador, di que o de Santiago non é un caso de corrupción.

Efectivamente, por un lado ten razón. Polo que se ve, non é un, son varios. Pero non son casos de corrupción moitas cousas que aparecen no sumario, e que se campanean alegremente como se o fosen, mesturando churras con merinas. Hai regalos que entran dentro da chamada elegancia social do ídem, como botellas de viño e similares. Ou o feito de que un cargo electo reciba currículos. Ninguén se vende por unha caixa de botellas de viño (aínda que e como está o nivel, ata o dubido). Mais amañar contratos para darllos a unha empresa concreta é ilegal. Sexa por simpatía cara esa firma, por amolar ás da competencia, ou polo que se sospeita que se fan sempre estas componendas, por cartos ou favores. E diso hai gravacións de diversos representantes municipais sobre varios contratos con distintas empresas. Que logo non valen como probas porque a marca da gravadora non estaba homologada e os hoxe imputados quedan libres, pois moi ben e para a casa, pero leccións de moral, as xustas.
E hai cousas que, sendo ou non delito, retratan a categoría dunha xente á que nin debería presidir unha comunidade de veciños. Un concelleiro dunha capital de comunidade autónoma que pide que boten a unha muller dun posto de traballo que desempeña exemplarmente polo delito de estar casada cun sindicalista é unha conduta propia da mafia (da calabresa) e o protagonista debería solicitar na empresa o traslado ao sitio máis distante posible, se é que gana a vida traballando. O mesmo que uns cargos electos que deberían estar preocupados polo benestar dos seus veciños dediquen os seus esforzos a maquinacións cotiáns a ver como “sacar tajada” da venda do parque móbil do seu antigo presidente fundador, parque que xa lles serviu para “sacar tajada” política nunca campaña–lixo.
A todos eses que pensan como o comentarista do bar e admiten o de que quen ten padriños bautízase, e el que a buen árbol se arrima, buena sombra le cobija, podían pensar tamén que por cada compañía favorecida a cambio do que sexa evitase que nazan ou se consoliden outras baseadas no mellor traballo e no mellor servizo, ou polo menos niso consistían as cacarexadas virtudes da libre competencia. O que pasa é que hai moitos que ata sobrevivir fóra dun despacho –e non digamos “sacar tajada”- está por riba das súas posibilidades.
(La Opinión de A Coruña 8/03/2014)

Advertisements