Etiquetas

, , , , , , , ,

Albert Camus, a maiores de ganar o Nobel en 1957 e ser un referente ético, foi un excelente xornalista. Escribía para o diario progresista Alger républicain (antes de que o goberno colonial lle fixese a vida e o traballo imposibles e o obrigase a emigrar a Francia), e unha vez denunciou a indiferenza do alcalde de Alxer, ante a explosión de gas nun barrio popular con esta frase: “A mediocridade ten, sen dúbida dereitos, pero non todos. Falando en prata, ten dereito a ser ridícula, pero non a ser odiosa”. Acordeime diso cando vin a foto do xefe dos “expertos” ou “sabios” da reforma fiscal entregando as súas conclusións ao ministro Montoro. Ríndose. Posiblemente de nós.

O que pasa en España cos impostos é que o Estado ingresa pouco por eles (xa sei, non me conte o seu caso, que me vai dicir a min). Pouco máis do 33% do PIB, en datos do 2012, cando na media europea os impostos son o 40,6% e na zona euro, o 41%. E Facenda recada pouco por dúas razóns fundamentais: porque hai moito fraude (estímase que 25% da economía circula ás agachadas) e porque se lle sacan os cartos aos que menos teñen. Fundamentalmente, aos asalariados e aos autónomos. O ano pasado, as sociedades do IBEX35, a nosa crema empresarial, tiveron uns beneficios en conxunto de 20.000 millóns de euros. Pero pagan –proporcionalmente- menos que vostede e que eu. O tipo nominal é 30%, pero o efectivo é menor.

Nin se sabe canto menor, porque acumulan unha serie de excepcións e beneficios fiscais (moitos concedidos polo segundo goberno Zapatero). Segundo os Presupostos de 2014, as grandes empresas (4.000 grupos y 32.000 empresas) só tributaron un 4,13% das súas ganancias en 2012, e o ano anterior, un 3,5% (as multinacionais, nin un can: Apple dá perdas, din). As pequenas e medianas empresas pagan un 15% e as familias un 12% da súa renda bruta.

E para solucionar o de ingresar máis, o comité de sabios (sinceramente, quen nestes tempos chama a outro “sabio”, ou se deixa chamar, sen poñerse colorado?) propón cousas como simplificar os tramos do IRPF de sete a catro, e co engado de reducir o imposto as rendas baixas (os mileuristas aforrarán 49 € ao ano, segundo a asociación de técnicos de Facenda Gestha), baixarán o máximo do 52% ao 40%. Tamén propoñen volver á Ley Beckham, pola que os profesionais cualificados que viñeran a España tributaran como non residentes (un 24,75%) e non o 52% que lles correspondía se fosen españois ou residentes. Non se acolleron moitos científicos, pero si todos os futbolistas, ata que o goberno do PSOE puxo o límite nos 600.000€.

Agora os “sabios” propoñen quitar o límite, e incluso que aqueles que obtiveron a residencia en España sen ter que asaltar valla de Melilla ningunha, senón mercando unha casa de 500.000 euros, non teñan que tributar tampouco como residentes. Pero, home, daquela para que os queremos?

Tamén din que subirán o IVE dos alimentos do 10% ao 21%, pero para compensar, baixarán a presión fiscal aos salarios. A min paréceme que os que non teñen salario tamén necesitan comer, e que as reformas fiscais poden ser ridículas, pero nunca odiosas.

(La Opinión de A Coruña, 22/04/2014)

Advertisements