Da mesma e estraña forma que o campo de fútbol é a unidade televisiva de medida de grandes superficies, a Semana Santa é o baremo da mortalidade nas estradas. Antes, en festas así ou pontes pymes, como a do Primeiro de Maio deste ano, ese paternalismo mediático de chamar a prudencia traducíase en compaxinar os anuncios de coñá coa omnipresencia nos transistores do sentido tema “Amigo conductor” (“Precaución, amigo conductor,/tu enemigo es la velocidad./Acuérdate de tus niños /que te dicen con cariño:/No corras mucho papá”), ben na versión orixinal de Perlita de Huelva, ben na que fixo despois Juanito Valderrama, que usou a DGT.

  Agora, no canto de botar man da copla española, medios e Tráfico fan campaña de xeito máis sutil. Por exemplo filtrando/difundindo noticias como a dese camioneiro que vai retransmitindo o seu avance pola A6 en plan Antonio Lobato. “Estamos aquí, dando leña”, “vamos adiantar ao Alsa”, “Veño aquí todas as semanas e baixo a 160” (iso din que dicía, aínda que eu o que escoito no vídeo é: “Se veño aquí todas as semanas, baixo a 160”) e conclúe: “Non hai chofer en Galicia que baixe a este paso”.

         Pero á vez que nos alerta das bestas que nos podemos atopar, como ese camioneiro de conduta posadolescente tamén nos suxire que o perigo pode aniñar en condutores de outro tipo, como ese compulsivo lector que foi gravado polo helicóptero da Garda Civil desfrutando dun libro mentres conducía pola Nacional VI ao seu paso polo termo municipal de Bergondo. E debía ser a primeira vez, pola soltura coa que pasaba folla, cunha experta sacudida da man dereita, a que sostiña o libro. Non o vou desculpar. Obviamente, ter un ollo nos avatares do tráfico e outro no desenvolvemento do fío narrativo non é unha conduta recomendable, pero é pena que non difundiran a dun infractor mandando whatsapps. Primeiro, porque para un devorador de libros que hai, non deixa de ser unha desgracia para o fomento da lectura asociala a un comportamento delictivo, sobre todo cando aínda existe no inconsciente colectivo aquela recomendación que debe vir do Quijote, “non leas tanto que te vas poñer tolo”.

         Dito sexa de paso, lamento que nin no vídeo nin na información se identifique o título, nin sequera o xénero, aínda que entendo que non lle van facer por riba publicidade –“As ruínas de Palmira, o libro que non poderá deixar de ler nin para conducir!”-. Sería pavero que fose o código da circulación, porque anda facendo un curso deses de recuperación de puntos. E que por riba fose escoitando “Amigo conductor”. Xente así é capaz.

  (La Opinión de A Coruña, 21/04/2014)

Advertisements