Etiquetas

, ,

Unha amiga miña viviu un tempo de “vender” enciclopedias polas casas, equipada cunha lista dos alumnos e alumnas colexio que ían máis mal que ben nuns colexios (lista que ela non sabía como a conseguiran na empresa, pero supoñíao). Presentábase como unha licenciada -que o era- que pretendía analizar os coñecementos da criatura. Confrontada coa amolada criatura, preguntáballe pola lonxitude do río Missouri, con ou sen o Mississipii. Silencio. Nova pregunta: a altura da pirámide de Keops. Silencio aínda máis espeso, mentres o rapaz se encollía no asento. Non pasaba da terceira pregunta –“Data da toma de Xerusalén por Saladino?”- e do terceiro silencio cando os pais –normalmente a nai- do alumno estoupaban: “burro, para iso teu pai e eu nos matamos a traballar, para que non aprendas nada!”. Era o momento da miña amiga. “No se preocupe señora, no es culpa del niño. En esta enciclopedia vienen todas estas respuestas, ve? Tiene su precio, pero muy inferior a su valor…”

As mulleres retorcían as mans, ou dicían que tiñan que ilo consultar co home –e ás veces escoitábase unha discusión no fondo da casa na que se sentía a frase “é polo ben do neno”- e case sempre acaban por picar. Pois á sociedade española, co informe Pisa da OCDE, pásalle como a aqueles pais, ignorantes pero preocupados porque seus fillos non o fosen. Cada vez que sae o tal informe nos titulares vai acompañado do verbo “empeorar” en calquera das súas formas. Empeoran os alumnos en matemáticas, en comprensión lectora,… (Por certo, estamos como estamos porque os de orixe social baixa teñen uns resultados similares aos da mesma orixe doutros países, pero os de clase alta téñenos inferiores).
Por se fose pouco, resulta agora que os mozos entre 15 e 23 anos están peor preparados que a media europea para a vida diaria. Que resolven peor problemas como programar un aparato de aire acondicionado, escoller rutas de metro ou manexar un mp3. Imos supoñer que están ben pensadas, porque o aire acondicionado é un electrodoméstico relativamente raro en media España, xa non digamos o metro, e o de non saber manexar o mp3 simplemente non o creo. As primeiras conclusións: a educación en España é mala e memorística; a xeración da LOGSE, xa se sabe; menos mal que todo o vai amañar a LOMCE, porque nos colexios non lles ensinan nada. O que din os expertos é mais ben o contrario: “A economía mundial non se centra no que se sabe, senón no que se pode facer co que se sabe”, “en España a educación non dá a oportunidade aos alumnos de ser creativos” din os coordinadores do informe. Para min que o problema é pensar que é na escola onde lles teñen que ensinar todo (tamén a programar os electrodomésticos?), mentres na casa chega con que paren quietos na tele mentres lles servimos a merenda. Por iso os alumnos inmigrantes sacan 20 puntos máis de media que os autóctonos.
Quizais os informes Pisa habería que miralos a fondo, non na superficie, ou reaccionar como fixo a miña amiga das enciclopedias un día que non puido mais: “Mire señora, o neno non ten por que saber canto mide o Mississippi, con ou sen Missouri, que atenda en clase e a enciclopedia xa a mando tomar por saco eu”.

(La Opinión de A Coruña 5/4/2014)

Advertisements