Etiquetas

, , ,

Nunha carreira que manteño cunha serie de autores de novela negra a ver quen corre máis, se eles a escribir ou eu a ler o que lles publican traducido, agora ando con Walter Mosley, un afroamericano que narra a vida (e sobre todo a morte) dos seus compatriotas de raza. Ao revés dos personaxes de Chester Himes, policías negros que se moven en ambientes criminais negros, os de Mosley son negros conscientes de que, mediados do século XX, non teñen dereito ningún ante un branco, e menos se é policía. Nin sequera o de dar unha mala contestación. Nese estado de impotencia supoño que se atopará moita xente se se aproba o anteproxecto de Ley de Seguridad Ciudadana.

O anteproxecto, tal e como o anunciara o ministro do Interior metía unha chea de medo. 600.000 € de multa por manifestarse sen autorización perante as Cortes, por exemplo. O mesmo que por mandarlle un raio láser os ollos dun piloto dun avión ou dun chofer dun autobús. Tanto medo metía que o metía ata en Europa. “Quero que alguén me convenza de que unha multa de 600.000 euros por manifestarse diante das institucións gobernamentais sen autorización é equilibrada”, dixo o comisario europeo de dereitos humanos, Nils Muiznieks. O ministro debe ser deses milhomes que fóra da casa se abaixan, e no anteproxecto que aprobou o Goberno en novembro pasado, rebaixou a multa a 30.000, que xa lle chega. A mesma sanción que pode caer por “ofensas o ultrajes a España, a las comunidades autónomas y Ayuntamientos o a sus símbolos, himnos o emblemas”. O malo das leis é a discrecionalidade. Cando se ofende a España, que parece un ente cunha irritabilidade especial? O de vigonó-vigonó tamén se vai castigar con 30.000 bolos? (a mesma multa, por certo, que por tenencia de armas e explosivos).
Pero entre tanta barbaridade destaca unha, e miren que é difícil: a prohibición de usar locutorios ou cibercafés, para chamar por teléfono ou conectarse a internet, a todas aquelas persoas que residan en España sen a documentación pertinente. Os chamados sinpapeis serán tamén senconexión. Para iso, os encargados deses establecementos terán que pedir a documentación a todos os usuarios, e anotalos nun libro de rexistro. O ministerio aínda non ten claro se valerá para identificarse o pasaporte orixinal. Tamén debe estar dubidando, xa postos, se esixir a identidade do interlocutor da chamada (aínda que a pode coñecer se quere). A xustificación para a tal medida, que ignoro se rexe nalgún país democrático, é por suposto “dar cobertura a los establecimientos abiertos al público en los que se pueden cometer o encubrir delitos”. Ben, delitos tamén parece que se cometen nos despachos de concellos, gobernos autonómicos e mesmo nos dos tesoureiros dalgún principal partido, por non falar dos da elite patronal e dos dalgún membro Casa Real (sen ofender a España). Utilizando a terminoloxía do baloncesto, a min paréceme que en cuestión de prevencións de delincuencia, é máis efectivo cubrir ao home que á zona.
Claro que tamén haberá quen pense que tampouco hai que esaxerar. No anteproxecto non se prevé de momento que os residentes ilegais estean obrigados a levar unha estrela amarela ou unha media lúa cosida na roupa para distinguilos. Total, como xa son negros…

(La Opinión de A Coruña, 12/04/2014)

 

Advertisements