Etiquetas

, , , ,

Se teño algún recordo histórico especialmente fermoso é o daquel día de abril no que empezou a circular o rumor na facultade –daquela non había twitter, nin facebook, a radio era daquela maneira- de que houbera en Portugal un golpe dos militares. E que, ao contrario do que fixera o que acontecera medio ano antes en Chile, non instituíu unha ditadura senón que derrubou unha aínda máis vella que a soportabamos en España. Eu era un paspán que acababa de chegar da casa e todo me quedaba grande, empezando por Madrid, así que soamente puiden desfrutar daquela brisa de liberdade de oídas.

       Tan de oídas que, por exemplo, o ABC, na primeira do día 27 informaba á vez que editorializaba: “termina en el país lusitano un largo período iniciado hace casi cincuenta años y que concluye ahora, tras no pocos aciertos y éxitos económicos y sociales, porque los sectores inmovilistas impidieron la necesaria evolución”. Era o estilo da época, unha de cal e outra de area. O día anterior, na famosa Terceira páxina, o periódico monárquico madrileño xa avisaba dos perigos de non axeitarse aos tempos: baixo o título de “La crisis de confianza y el porvenir”, o catedrático Florentino Pérez-Embid contaba que estivera na Semana Santa de Sevilla e outras circunstancias persoais, e lamentaba que había crise moral. Xa cara o final da páxina, entraba en materia: “Son buenos en ocasiones los cambios –no a nivel supremo- en la titularidad del Poder”. Home, non ía insinuar que Franco se retirase, pero si apuntaba que “hay para ello en los paises civilizados unas reglas del juego”, aínda que non aclaraba que se chamaban eleccións democráticas. Xa rematando, o home debía pensar que se pasara: “Por supuesto, todo esto es más fácil de imaginar que de hacer”, pero acababa cumprindo a encarga: “pero sería suicida abandonarse a la dificultad y al miedo”. Por un lado xa sabes, e por outro que queres que che diga; ou deus é bo, pero o demo non é malo, que dicimos aquí.

         O tal Pérez-Embid que alertaba que o inmobilismo era malo para o réxime (franquista) non era precisamente un demócrata redondo. Fora director xeral de Información de 1951 a 1957, o que supoñía que era responsable máximo da censura franquista, co tremendo Gabriel Arias Salgado (responsable de Propaganda de Falange na posguerra, estivo moito tempo á fronte do ministerio de Información, ata que o botaron por exceso de celo e o substituíron por Manuel Fraga). Ou sexa que se un antigo inquisidor pedía cambios, imaxinen con que ansia ventabamos as brisas que chegaban do oeste. Eu era un paspán, repito, e xa me gustaría non selo e ter feito como un coñecido, Miguel Sobrino, un mozo d’A Guarda que, sen pensalo dúas veces, colleu o tren para Lisboa e andou metido no medio de todo. Tanto que sae en varias fotos históricas, canda o líder socialista Mario Soares e o comunista Álvaro Cunhal.

         Agora os protagonistas do 25 de abril din nos titulares que están desencantados, tal e como está o país que salvaron. Non é raro, pero aqueles momentos, que nós non tivemos, eses recordos, non llelos quita ninguén.

La Opinión de A Coruña 26/04/2014

 

 

 

Advertisements