Etiquetas

, , ,

Despois de cada 1 de maio, como despois de cada manifestación máis ou menos de oficio, sempre hai o debate da vixencia dese xeito de celebración/protesta, de se paga a pena participar, do que hai que cambiar e do que non. Estamos falando desde o punto de vista dos que entenden que hai que defender os intereses dos traballadores, partindo da base de que hoxe, traballadores somos practicamente somos todos, empezando polos autónomos. Claro que tamén hai quen considera que os que celebran o 1 de maio non defenden os intereses dos traballadores. Efectivamente, as centrais sindicais non os deben defender moi ben, tal e como están os tales dereitos, pero sen dúbida que agradecerían calquera axuda teórica ou práctica que mellorase os métodos de defensa deses intereses. Para min, por exemplo, as manifestacións de rutina son máis ben un acto social no que atoparse con xente, pero tampouco se me ocorre unha gran alternativa.

     É curioso como en pouco tempo se demoleu a imaxe dos sindicatos. Curioso porque o que teñen enfronte non é precisamente un modelo. Con todas as excepcións que se queira, e hainas moi notables, pero escasas, os empresarios en España veñen dunha tradición onde antes que saber organizar unha empresa, ou que facelo mellor que os demais, é moito máis importante ter os contactos que hai que ter. Por iso consideran que un traballador rende máis estando dez horas no choio, estando como estea, que sete centrado. E saben que o empresariado non é un modelo porque coñecen as súas relacións, digamos que esquivas, coas leis laborais –leis, que para ser xustos, eles tamén lles axudan a incumprir cando o beneficio é mutuo-. E se no empresariado hai persoas de todo tipo, como en todas partes, e profesionais bos e malos, o das súas organizacións é un circo de tres pistas. Desde as cámaras de comercio de afiliación obrigada ata as patronais que logo se descubre que usaron as subvencións públicas para encher enormes buratos negros.

         Descubro a pólvora se digo que boa parte do descrédito que en parte sofren o sindicalismo vén polos seus propios erros. Entre eles, na difícil disxuntiva de ter que elixir entre defender os intereses dos seus asociados –os asalariados- e os dos débiles en xeral –desde os parados aos autónomas á forza-, optaron polos primeiros, na súa maioría. Estea ben ou mal, en definitiva para iso cobran as cotas. Ou o erro tan habitual en España, do que pecan desde os bispos aos editores, de querer dirixir a política sen pasar polas urnas. Pero o que non me explico é a parte que se poida deber a todos eses camándulas que por 500 ou 1.000 a hora de tertulia, recitan o mantra de que os sindicalistas viven a corpo de rei, de que impiden que se cree emprego, etc. Como moitos outros mantras, non fai falta demostralos, porque xa o aseguran os expertos (os mesmos que hai quince anos aconsellaban investir en plans de pensións que aló foron, posiblemente), sen que faga falta presentar eses argumentos.

Nenos quitando cascallos do carbón en Pennsylvania en 1911. Traballaban 10 horas diarias entre nubes de pó manexando pedras

 Aínda que pensando na historia de movemento obreiro, quizais teñan algo de razón. De non haber sindicatos, por exemplo, os nenos seguirían tendo postos de traballo nas minas. (En Europa. Fóra aínda traballan)

 (La Opinión de A Coruña 3/05/2014)

Advertisements