Etiquetas

, , , ,

Prohibamos as barras dos bares

 Xa saberán que, a resultas do asasinato da presidenta de Deputación de León, Isabel Carrasco, tiroteada presuntamente por unha nai en conivencia cunha filla, a clase política reclama medidas exemplarizantes, e mesmo houbo opinadores de garda que lle botaron a culpa a El Jueves, ou a presentadores con máis éxito ca eles. Rita Barberá, desde a altura moral que lle dá a dobre papada e formar parte da inmaculada e impoluta clase política valenciana, asegurou que o suceso produciuse “en un caldo de cultivo de radicalidad y de violencia que se ha de frenar para recuperar la capacidad de convivencia”. Calquera que tomase perfectamente serio o que di a alcaldesa de Valencia quedaría sorprendido por tal grao de autocrítica, porque o caldo ese de “radicalidad e violencia” onde se xestou o suceso foi no PP de León, no que militaban as dúas detidas.

É máis, se temos en conta que a autora confesa é esposa dun comisario de policía; que quen a viu e propiciou a detención era un axente xubilado; que a que retivo a arma é axente de policía local; e que a entregou aconsellada polo mozo da súa irmá, que é policía nacional, terán que admitir que nese caldo radical hai máis autoridades que nunha visita informal do presidente do Goberno. Soamente faltaba un almirante da Armada navegando en misión de apoio polo Bernesga, co bispo de Astorga a bordo, para completar o elenco.

         Pero se os opinadores de plantilla e as alcaldesas de Valencia din que estas cousas pasan polo caldo de cultivo, o deber das autoridades é facerlles caso. Igual que cando Thomas de Quincey en El asesinato considerado como una de las bellas artes queixábase de que “comezas por matar a alguén e acabas por perderlle o respecto a teu pai”. Desta vez, o apandote informático é Twitter. Podía ser en Facebook, pero agora é pouco recomendable, porque o normal é que atopes a túa nai ou aquela tía dos abrazos de osa da que pensabas que deras zafado cando che saíron os pelos. (Con todo, e fíense que llelo digo por experiencia, o peor son as seccións de comentarios non moderados das webs, onde tipos anónimos poden non so insultar, senón calumniar e atribuír delitos, e quedar tan anchos).

         Efectivamente, en Twitter hai moito animal, que dicía cousas pouco agradables de Isabel Carrasco. Pero tamén se len burradas nas portas dos WC, e se din nas barras dos bares, coa diferencia de que no bar ou nos WC non tes outra que aturalas. Ti, nenos inocentes a rapazas púberes, e en Twitter non les a quen non queres, so a quen segues, ou difunden os que segues. De momento detiveron a un mozo de 19 anos por escribir: “que me los pongan en fila uno al lado de otro y que me den un AK-47 que verás como acabo con todos esos hijos de puta fascistas de mierda”. Moi delicado non é, pero non deixa de ser unha machada. O que non entendo é que a frase lérana como moito os cento e pico tipos que o seguían (e que debían opinar coma el) e agora, grazas á detención por apoloxía do delito, coñécena millóns de persoas.

(LaOpinión de A Coruña, 17 de maio de 2014)

Advertisements