Etiquetas

, , , ,

Outra vez temos a barbarie onda nós, e outra vez habería que preguntarse canta culpa temos. Que un par de horas de viaxe e un par de transbordos en avión de aquí haxa uns centos de individuos capaces de pechar a outros tantos nun edificio, prenderlle lume e rematar a paus aos sobreviventes que tentaban escapar sería incrible se non fosen incribles barbaridades iguais ou máis grandes hai pouco máis de 15 anos aínda máis cerca, en Iugoslavia, entre xente que traballaba cos nosos emigrantes na construción en Suíza ou fregando pratos nos restaurantes en Londres. No da culpa que poidamos ter dos 46 mortos de Odessa (a cidade dunha das matanza cinematográficas máis famosas, a do Acorazado Potemkin) e do resto do conflito de Ucraína, o “nós” e retórico e maxestático a medias. Nós non somos os gobernos de Europa, nin moito menos o de EEUU, ou o FMI, pero se actúan como actúan en parte é responsabilidade nosa. No caso de Rusia, bastante menos culpa. Nos e os rusos. As vantaxes de estar gobernados pola KGB.

     A diferencia de Iugoslavia, alí había xente como Alfonso Armada ou Ramón Lobo informando nos periódicos do que pasaba. Agora prima ese sucedáneo da información, do que antes se encargaba a televisión, que é converter os feitos concretos que hai que explicar no contexto que se producen, en realidades únicas que son a explicación simple para unha situación complexa. Os neonazis de Praviy Séktor (Sector de Dereita) os autores da matanza (nada de presuntos, reclamaron o feito e xustificárono: “estábana buscando”) chámanlle ás 46 vítimas mortais “polos asados” en publicacións nas que esixen unha pronta integración en Europa. Quizais por iso, porque os imos ter pronto de cidadáns europeos, houbo medios aquí que lle chamaron ao de Odessa “enfrontamentos”. Algo así como criticar os campos de traballo nazis por incumprimento da normativa laboral. Se chega a pasar en Caracas xa tiñamos en marcha a Operación Libertad Duradera II.

Vaselinas e ocultamentos aparte, a maioría da información ten tanto rigor como uns vídeos de youtube comentados por uns asiduos de forocoches. A gran operación proeuropea e proliberdade Maidan que provocou o cambio de goberno en Kiev foi en realidade unha loita pola cota de mercado entre oligarcas e mafiosos como a que aquí libran por outros medios as compañías de telefonía. A gran maioría dos manifestantes que contribuíron a tombar ao prorruso Yanukovich máis ben protestaban contra os efectos empobrecedores das medidas antisociais ditadas… polo FMI (para variar). Os antiMaidan non son (quitado en Crimea) tanto prorrusos como prosoviéticos, é dicir, antinazis (na II Guerra Mundial morreron un millón máis de ucraínos que de xudeus), sindicalistas, comunistas ou esquerdistas antiestalinistas, mesmo partidarios no seu día da independencia de Ucraína e hoxe da federalización. Eses foron, como o poeta Vadim Negaturov, os mortos. Hai imaxes en youtube terroríficas desas escenas. E tamén outras de xente enfrontándose a peito descuberto a soldados armados ou parando tanques coas mans.

En ningún conflito os bandos son de bos ou malos puros. Torrente Ballester dicía que non podía desexar que gañasen os bos, porque non sabía quen eran. Pero quen usa tanques, dispara contra xente desarmada, e despois cualifica os mortos de “terroristas”, máis que en Europa debería entrar na Historia Universal da Infamia.

(La Opinión de A Coruña, 10/05/2014)

Advertisements