Etiquetas
Cultura, Día das Letras, Filgueira Valverde, frnaquismo, Galicia, literatura, política, Real Academia Galega
O homenaxeado do Día das Letras 2015 ganou por un voto, logo de ir perdendo en todas as votacións. A maiores do xénero da diatriba e da xusta indignación, non estaría de máis practicar o da análise de por que ao final gana o que sempre perdeu. Esta foi, ou moi probablemente puido ser, a secuencia das votacións
- (Nas dúas primeiras, cada un dos 26 académicos asistentes dispuña de 2 votos, agás Manuel Rivas, que votou por correo, e non puido repetir)
- 16 Manuel María
- 13 Celestino Fernández de la Vega
- 10 Xosé Filgueira Valverde
- 9 Ricardo Carvalho Calero
- 5 Xela Arias
- (quedan fóra Carvalho e Arias)
- 19 Celestino Fernández de la Vega
- 17 Xosé Filgueira Valverde
- 14 Manuel María
- (queda fóra Manuel María)
- 10 Xosé Filgueira Valverde
- 9 Celestino Fernández de la Vega
- 5 votos en branco
- 2 votos nulos
Polo demais, xa escribín o que NON me parecía a elección. Hai quen di que iso non é pronunciarse. Non deben ser xente de letras, senón de números.
Filgueira e a segregación
Saberán que escolleron a Xosé Filgueira Valverde como autor homenaxeado para o Día das Letras Galegas do 2015, en realidade para o que queda de ano ata o 17 de maio de 2015, que é o que ven durando o mandato de cada galardoado. Eu teño a miña opinión sobre o asunto, que me vou gardar, por razóns obvias que se remontan a xullo de 2010, cando estiven máis que de acordo co designado para as Día das Letras de 2011, e polo tanto, non me parece elegante andar cuestionando acordos posteriores. Só comentar que hai decisións que, sendo lexítimas, son máis oportunas ou menos, ou mesmo nadiña. E tamén que non deixa de ser unha mágoa que todos os méritos culturais de alguén vaian quedar ocultos por outro tipo de deméritos, ou polo uso que poidan facer deles uns e outros.
O que queda patente unha vez máis é a potencia do trebello cultural que inventou hai medio século don Paco del Riego, que provoca arredor da elección do ganador máis controversia e expectación que Eurovisión, e iso que o proceso de votación non se retransmite (unha mágoa, o de “guallominí, dé-puán pur Filgueirá Valverdé” podía ser apoteósico). As medallas Castelao, por exemplo, cuxa concesión depende, creo, de ser coñecido dalgún dos conselleiros importantes e non ser nin ter sido nacionalista, non provocan polémica ningunha, pese a que toda a xente de orde practicamente está en posesión dunha. Así que cada un debería celebrar a quen quixera, como todos se divirten nas festas na honra do patrón ou patroa, sexan ou non devotos do santo ou santa en cuestión.
Hai cousas que inflúen máis na vida da xente, e que suceden pola calada. Por exemplo unha parte considerable dos cartos públicos que se destinan a educación foron destinados durante anos a colexios que separaban aos nenos das nenas e viceversa. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou que se había familias que querían que os seus infantes se criaran como uns reprimidos, vendo ao sexo oposto como seres doutro mundo ou escuros obxectos de desexo, pois que era unha opción que había que subvencionar. Agora o Tribunal Supremo acaba de sentenciar que non, e anula as axudas entregadas pola administración autonómica a eses colexios. Un asunto que para o presidente da Xunta se resume en que “seguro que o TSXG tiña as súas razóns para considerar que eses concertos eran conformes coa lei, pero o Supremo ten un criterio distinto”, mentres que o seu goberno “mantén sempre o mesmo criterio”.
Alberto Núñez Feijóo é licenciado en dereito, e ben que o faría nos tribunais (polo menos nos norteamericanos, onde desenvolverse é o máis importante), pero esa interpretación da xustiza paréceme curiosa. Se un tribunal dita unha sentencia e unha instancia superior a revoca, non é por un “cambio de criterio”, senón porque o segundo considera que o primeiro o fixo mal. Se xulgan a un por asasinato, e un tribunal o absolve e o superior o condena, non é porque haxa un cambio de criterio sobre que é un asasinato, senón porque o segundo tribunal corrixe ao primeiro. A vantaxe que ten a Academia Galega é que ela propia revoca as súas decisións ao ano seguinte.
La Opinión de A Coruña, 12 de xullo de 2014
Xa pensamos que o esforzo de deixar a papeleta na urna o deixara esfolado (a democracia española está costa arriba)… polo demais se agradece o feito de amosar que algo con G, por enésima vez, deixe tan mal a Galicia!
Eu das votacións saco dúas conclusións:
1. Raros son os ‘fans’ de Manuel María, carallo. Votan máis por el en primeira que en segunda (os mesmos que votaron por el en primeira máis algún de Carvalho ou Xela daban pra deixar a Filgueira fora en 2ª rolda), pero iso si, unha vez eliminado non lles vale nin Fdz de la Vega nin Filgueira Valverde (os 7×2 votos en 2ª rolda cadran cós 5+2 votos en branco e nulos da 3ª).
2. De 26 académicos, só 4-5 votan por Carvalho (“Carballo” na lingua da RAG, en breve asimilable por Carbajo ou Roble, tempo ao tempo). A este home non lle adican un Día das Letras nin para o ano 2165.