Etiquetas

, , , ,

É curiosa a pompa e circunstancia que se lle dá na Coruña ás visitas dos membros da coroa británica, sendo como son as dúas lendas fundacionais da cidade un chisco antibritánicas. A primeira, a viaxe de Ith, fillo de Breogán, cara a Irlanda que divisou desde a Torre de Hércules (ou polo menos desde a península). A pedra que levou canda el, orixe sen dúbida do costume galego de levar en cada viaxe un paquete para alguén, foi a que logo os ingleses lle mangaron aos curmáns irlandeses para coroarse riba dela na abadía de Westminster. A outra historia é, obviamente, a de María Pita e as consecuencias que supuxo para as tropas invasoras de Drake que lle mataran o marido na defensa da Coruña, coas poucas saídas laborais e vitais que tiñan solteiras e viúvas daquela. Quizais se deba a Sir John Moore, que está enterrado con equipamento de heroe no xardín de San Carlos.

  Dígoo porque acaba de visitar a cidade a princesa Ana de Inglaterra, a filla da raíña Isabel de ídem. Veu coa escusa dun congreso sobre axudas á seguridade marítima, no que dixo que si, que axudar á seguridade marítima era esencial para o camiño seguro dos barcos, cousa que me sorprendeu. Non con esa conclusión, que me parece en absoluto impecable e indiscutible, senón con que se dedique aos congresos de seguridade marítima, afeito como estaba desde pequeno a vela no ¡Hola! rodeada de cabalos, que incluso casou con un que andaba dacabalo sempre. A maiores de salientar as vantaxes de ir seguros, Ana de Inglaterra visitou o concello onde o alcalde Carlos Negreira lle regalou unha figura (é de agardar que non de María Pita), e uns libros sobre a historia da cidade, e logo foron “facer un Ith”: a mirar o que se vía desde o Faro. Como Irlanda xa a ten moi vista, a princesa real preguntou cara onde quedaba Fisterra.

Finisterre no le sé, pero por ahí se va a Ferrol

É curioso como calquera cousa que cheire a galego non vale nada por aquí, onde parece que hai máis combinacións diarias con New York que con Betanzos, pero vale para os de fóra. Desde Breogán e a vista de lince do seu fillo, o aventureiro que emigrou cun pelouro aproveitando que daquela non había Ryanair, ata Fisterra, que como dicía o Nobel irlandés Seamus Heaney, escoitaba nomear todas as noites na onda corta da súa radio. Segundo sinalou neste xornal hai tres anos Francisco D. Guerrero, os anteriores royals visitantes, en 1931, foran os príncipes de Gales, Edward, e de York, Albert, que reinarían cos nomes de Edward VIII e George VI. O primeiro menos dun ano, porque era aquel Duque de Windsor que teimou en casarse coa divorciada Wallis Simpson e desde entón só reinou no cuché do ¡Hola! (Albert-George era o tatexo de El discurso del rey).Viñan en coches desde Santander, teoricamente de incógnito, entre actos institucionais, bandas de música e clamor popular. Estiveron en María Pita, visitaron Santiago e comeron e durmiron en Vigo, antes de embarcar alí para Arxentina, como se fosen emigrantes.

Hai como 15 anos, un veciño de Eirís chamoume para denunciar que había unha placa abandonada na maleza, máis ou menos por onde agora está o Punto Limpo, que el sacara á luz e ninguén lle facía caso. Conmemoraba que desde aquel punto, Edward, príncipe de Gales, observara o escenario da batalla de Elviña e a cidade toda. 50 e pico anos despois, estaba entre as silvas. E alí, ou baixo dalgunha urbanización, debe seguir.

 (La Opinión de A Coruña, 3/05/2014)

Advertisements