Etiquetas

, , , ,

En Galicia, o goberno da cidade que exerce como capital política e turística, está formado por dúas persoas que acumulan todos os cargos. Non é que sexa os dous sobreviventes heroicos dun cataclismo que lle botan peito para cargar nos seus respectivos lombos o duro labor de loitar polo benestar dos seus veciños. Non. Ou si, rectifico. Son os dous sobreviventes dun cataclismo xudicial e de presunta corrupción e bótanlle un considerable peito, eles e moita máis xente, por considerar que non pasa nada, e manter que é unha situación normal.

        Peito bótalle o alcalde, Ángel Currás, que como nas películas de comandos, formaba parte dunha patrulla do PP que tomou o Pazo de Raxoi nas pasadas municipais. A primeira baixa, hai dous anos, foi o capitán/alcalde, Conde Roa, polo detalle bobo de defraudar a Facenda, e logo foron caendo todos, el que o sucedeu, está pendente dun fío e agora soamente está ilesa a sarxento/tenente de alcalde. Peito bótalle a dirección do PP, que elixiu á patrulla e a quen a mandaba, e agora chámase a andana, dicindo que a responsabilidade é deles (dos concelleiros) igual que os bancos cando lle saía un xefe de sucursal estafador pretendían que a responsabilidade era do tipo, como se as siglas dun partido ou a marca dun banco estivesen a disposición de calquera (sobre o primeiro teño as miñas dúbidas). E bótalle peito a cidadanía, que no caso de Compostela penso que sabía bastante ben a quen escollía, e nas últimas eleccións, renovaron a confianza nese partido catro de cada cinco votantes seus.

O que me pasma da situación non é esa morea de imputacións –agora condenas-. Pódome abonar á teoría de Feijoo de que iso tamén pasa nos concellos de Lugo e Ourense (coa diferenza de que eu si podo e el non, da mesma forma que eu podo non molestarme en cambiar de compañía telefónica porque aínda que cambies de muiñeiro non cambias de ladrón, pero iso non pode ser o argumento das compañías telefónicas: “non se queixe que nas outras tamén o estafan”). Pásmame que eles e o partido vexan natural que a xestión dunha cidade de cen mil habitantes a podan levar dúas persoas. Ou en realidade, ningunha. María Dolores de Cospedal, por exemplo, é á vez presidenta autonómica de Castela-A Mancha e secretaria xeral do PP. Xestiona sen despeitearse o partido con máis afiliados –centos de miles- e máis poder de España e unha comunidade autónoma que é a terceira en extensión de España e ten case a mesma poboación que Galicia. Dous labores ben traballosos e dúas responsabilidades ben importantes que ela manexa sen problema, non sei se dedicando as mañás a unha cousa e as tardes a outra, ou en días alternos. Claro que esa é terra de xente afouta. O seu afiliado e subordinado Arturo García Tizón é deputado no Congreso, onde a maiores preside a Comisión Constitucional, e tamén exerce a portavocía do grupo municipal do PP en Toledo, e é o presidente da Deputación. Nos tempos libres, preside tamén a organización provincial do PP. Entre e unha cousa e outra, xunta uns 120.000 euros ao ano, pero eses non son cartos nin é vida, como demostra o feito de que tivera que empadroarse nun despacho de Toledo, a pesar de vivir nunha das numerosas propiedades que ten en Madrid, para cobrar os 1.800 euros mensuais de dieta por ser deputado doutra circunscrición.

Non me estraña que digan que sobran as comunidades autónomas. O que me parece raro é que sosteñan que hai demasiados funcionarios. Alguén se terá que ocupar de que as cousas funcionen.

 (La Opinión de A Coruña 7/6/2014)

Advertisements