Etiquetas

, , ,

O improbable marciano despistado que chega á Terra (o planeta) do que sempre botamos man para analizar o estado do zoolóxico no que vivimos, custaríalle entender a deriva que colleron as clases dirixentes da especie humana. Imaxinen as anotacións: “Data estelar 2091 [ano 41 da era cristiá]. O líder do que chaman imperio romano, un ser humano mozo ao que coñecen como Calígula, compórtase dun xeito un tanto impropio. A maiores das excentricidades habituais dos terráqueos nos que atinxe aos seus ritos reprodutivos, xuntou un exército para conquistar o que logo se coñecerá como Gran Bretaña, e ao chegar á costa, mandou apañar cunchas na praia, como trofeos do océano conquistado, e tamén unha chea de galos, para facelos pasar por britanos. Conclusión: parece tolo, pero malo para el non é”.

Así, os marcianos poderían ir apuntando casos como un dos monarcas que reinaba en Francia na Guerra dos Cen Anos, o número VI dos que se chamaron Carlos, que pensaba que estaba feito de cristal, e poñía roupa protectora para evitar romper. Aínda así, Carlos O Tolo, que comezara a reinar aos 12, fíxoo durante 42 anos de forma eficiente e xusta, polo menos para os estándares da época. Ou o de Christian VII, o rei de Dinamarca na segunda metade do XVIII, que se fixo un obseso da masturbación ata o punto de certificar aquilo de quen non deixar as mans quietas podía poñer a un tolo. A el, polo menos, dáballe por saltar por riba dos que lle facían unha reverencia. Pero rematou o reinado sen grandes males (e sen derrear a ninguén, que se saiba).

O meu colgado favorito é non obstante o que foi presidente vitalicio de Turcomenistán, Saparmurat Niyázov. Era o gobernador posto polo PCUS nesa república do Mar Caspio cando se derrubou a URSS. Converteuse no presidente e fíxose chamar Akhbar Turkmenbashi (o gran pai dos turcománs) e todo se empezou a chamar Turkmenbashi. Rúas, colexios e a principal cidade portuaria. Xa postos, ata o mes de xaneiro se chamou así (o de abril pasou a chamarse como a súa defunta nai). O de setembro, como o seu libro, Ruhnama (“Libro para a alma”) de coñecemento obrigado ata para sacar o carné de conducir (con el e o Corán, os turcománs non precisaban outros, así que pecharon as bibliotecas). Niyázov mesmo dixo ter negociado con Alá que ler tres veces o libro aseguraba entrar no Paraíso. Con todo, el aseguraba ser un tipo modesto, e que todo iso era homenaxes populares de agradecemento que el aceptaba por non desairar. Oito anos despois de morto, sigue tendo o respecto de boa parte da poboación.

Pero os da marcianopedia vano ter difícil para explicar certos usos da clase política hispana do século XXI. Por exemplo, as gravacións ao irmán da ex portavoz do PP Paula Prado, nas que asegura que o ex alcalde Conde Roa ía apañar 60 millóns dunha recalificación, ou que nunha reunión na Coruña, con maxistrados e un comandante do servicio de información da Garda Civil lle filtraran investigacións xudiciais secretas e as famosas fotos de Feijóo con Marcial Dorado, que non saíron á luz ata un ano despois. Luciano Prado dixo que era todo unha invención para prexudicar a Conde Roa. Que retorcido, non? Inventar todo iso sen saber que o estaban gravando. Ata vexo máis normal saltar por riba das visitas.

 (La Opinión de A Coruña, 2/08/2014)

Advertisements