Etiquetas

, , ,

Pois nada, que na cidade e contorna estivemos unha vez máis on fire –nunca mellor dito- con iso das lumeiradas. Aquí te somos muy deso. Este ano foron máis internacionais que nunca. Mesma na cachareliña que argallamos nós, das vinte persoas que eramos había unha holandesa, unha sueca, unha bostoniana e un de Ohio. Claro que estabamos con media praia para nós en Santa Cristina, e en canto lle dixemos aos forasteiros, á parella estadounidense, se querían achegarse a botar un ollo a Riazor, que habería milleiros de persoas, puxeron cara de espanto educado e dixeron que alí estaban perfectamente. Para aglomeracións xa lles debe chegar coas do estadios dos Red Sox, e en Ohio non han faltar desbarres etílicos e descontrol xeneralizado con calquera escusa.

Imaxino que o “San Juan is Back” e a súa pedestre tradución ao galego, “San Xoán está de volta” debe ser unha argucia para captar turismo. Ignoro se se conseguiu tal efecto, pero atreveríame a supoñer que o conseguido é turismo de botellón, porque iso é o que o concello da Coruña, este e os anteriores, foron conseguindo instituír. Un macrobotellón o día de San Xoán, mentres o resto de ano se dedican a demonizar tal fenómeno. Imaxino que o tipo de persoa a que poida atraer o participar nun evento así non é ese turismo de calidade polo que poñen velas aos santos –ese modelo actual de xestión- todas as administracións-. Sobre todo cando se ven as imaxes do día seguinte, do escenario da batalla campal aínda por apañar. Claro que sempre hai un turismo de catástrofe –“festas aquelas nas que mataron a meu pai!” dicíase antes admirativamente- e hai xente que mide a extensión e a intensidade das celebración pola extensión e intensidade da resaca.

Enténdase, non é que teña nada en contra de beber, pero menos teño contra comer, e unha cousa compensa a outra. Os lumes en grupo, familiar, de amizades ou veciñal, supoñen un círculo de protección para que, chegado un momento, o prexudicado non vaia a maiores. Ademais, á espera de que alguén saque un estudo económico que demostre o contrario, ou as tablas input-output de San Juan is back, para min unha celebración repartida, no xeográfico e no xeneracional, activa máis o comercio en xeral, e de todas as zonas da cidade, e non so do sector das copas. Pero as autoridades en xeral son folgazanas para todo o que supoña medio ou longo prazo, mesmo para as cifras, aínda que sexan de beneficios. Por iso, moitos optan directamente por inventalas –ou por coller as boas e agachar as malas-, na convicción de que os xornalistas non van ter tempo, nin demasiadas ganas, de poñerse a comprobalas, e de que a oposición usa a mesma máquina de calcular. E na maioría dos casos, o que prefiren é unha cifra en man que cento por aí voando: 180 toneladas de lixo, tres becerros que tiveron que ser detidos por turrar contra a policía local, unha ducia de intoxicados etílicos? Sexan boas ou malas, son cifras. Feitos. Realidades. San Juan está de volta e media. Bad will be, que dicimos aquí.

 (La Opinión de A Coruña, 28/6/2014)

 

Advertisements