Etiquetas

, , , ,

Confeso que sei tan pouco de protocolo que sigo dubidando que pan coller, se o da dereita ou o da esquerda, nas mesas postas segundo as normas. E de monarquías, sei o que lembro de historia, a dos estudos académicos e a que se aprende nos medios de comunicación, e as tres primeiras tempadas de Juego de tronos. Pero de comunicación, verbal e mesmo non verbal, algo máis sei, e o da proclamación de Felipe VI este vindeiro xoves é unha chapuzada. A impresión que dá e a dunha coroación de penalti, vamos, como aquelas vodas coa noiva tirando a redondiña e que remataban cun neno setemesiño que pesaba catro quilos e medio.

De entrada, dá esa impresión porque argallar un operativo destes en quince días parece máis unha proba dun concurso extremo de televisión que outra cousa. Leva ben máis tempo planificar unha primeira comuñón, ou o 50 aniversario de alguén, e van e organizan unha operación sucesoria, desenvolvemento lexislativo ad hoc, nun par de semanas. Incrible nunha sociedade que leva un par de séculos intentando racionalizar a administración ou axilizar a xustiza. E de saída, pola propia cerimonia en si, ou máis ben a falta dela. A monarquía, como todas as cousas irracionais, fóra da razón, é absurdo tentar buscarlle unha xustificación. Son así porque son así, e hala. Ou sexa, que non sei por que tanto medo ao rito.

Din que non vai ser coroación porque non se lle pon coroa ningunha, e o que fai é xurar o seu cargo nas Cortes, a institución que representa a soberanía popular. Ah si? A soberanía popular, aínda que fosen os catro rabudos de sempre, podería elixir a outro? Podían tomar a palabra os deputados galegos e demandar a entronización de Froilán I? Va que non? Pois que se deixen de andrómenas. Home, non digo eu de utilizar a capa de armiño e o cetro, tipo o rei de bastos. Ou ocupar un trono feito de espadas, como o de Joffey Lannister en Juego de Tronos, pero que menos que algo de espectáculo. Porque vai xurar co uniforme de gala do exército de terra (por certo, por que vai xurar de uniforme?), senón ía parecer a toma de posesión dun director xeral.

E iso de que non vaia estar o pai para non roubarlle protagonismo, quen o cree? Un señor que de chamarse Felipe Isto e Aquilo de Borbón y  Tal e Cal vai pasar a chamarse Felipe VI, así a secas, como unha matrícula personalizada, e vai saír de perfil nos euros e nos selos de correos, e o seu retrato presidirá canto despacho oficial haxa, ten un problema de protagonismo? Entón quedar de segundo en Eurovisión ou ser meramente subsecretario debe ser como para queimarse ao bonzo. De todas formas, eles saberán. Como di o dito, un home cheo de saúde está sempre cheo de consellos para os que están enfermos, e menos se os dá, como no meu caso, un tipo que non sabe que pan escoller. Que neste asunto precisamente é o único que, eu e todos vostedes, nos deixan escoller.

 (La Opinión de A Coruña 14/6/2014)

 

 

Advertisements