Etiquetas

,

Remata o verán. Perdón, as vacacións. O que é o verán tivo días, e todo apunta a que, como outros anos, repolará en setembro. O luns que vén unha chea de xente volverá ao traballo, quen o teña, e que non notará igual o cambio de etapa, porque se acabará o choio de aparcar en calquera sitio (quitado o centro), e en compensación, poderase durmir sen necesidade de terse que adaptarse a sobredoses de decibelios, musicais e paramusicais, que poñerían os pelos crespos a calquera normativa da UE. Remataron as vacacións e xa verán como empezarán a abrollar eses informes sobre as síndromes posvacacionais (SPV).

    En cuestión de síndromes desas, eu son agnóstico. Agnóstico de todas as tendencias á vez, ademais. Agnóstico apático ou pragmático, dos que consideran que existan síndromes como as posvacacionais ou non, non teñen influencia real ningunha –como non sexa crear un movemento para eliminar as vacacións, ou ilas reducindo á mínima expresión- así que para que imos andar discutindo. Son así mesmo un agnóstico forte, estrito ou redondo, xa que penso que non se pode saber, en xeral, por ser unha experiencia demasiado subxectiva. Pero como galego, non pode deixar de aboarme ao agnosticismo débil – aberto ou temporal-, que non sabe se hai ou non síndromes, pero ao mellor dentro dun tempo vaise ver que as hai. Ou non.

De todas formas, galego e todo, se me teño que pronunciar sobre a SPV, apostaría porque o que pasa é que as vacacións cansan moito. Aos nenos, porque se lle fan eternas. Aos pais, porque entre comencias familiares, amicales, festas da aldea e romarías de pop rock, churrascadas e barbacoas, non hai un día de tranquilidade. Caso de habelo, xa se encargan os pequenos de cargarse a excepción que confirma a regra. Para a franxa de idade intermedia entre nenos e pais, aplíquese toda a axenda dos proxenitores multiplicada por dous, e considérese verdade absoluta que entre os 16 e os 30 anos nos veráns non existe o descanso, existe a resaca. De feito, na wikipedia, nos únicos idiomas en que aparece a tal síndrome é, a maiores do español, o inglés (no que hai de todo) e o letón (que ten a metade de artigos que o galego). Na wikipedia, a Sociedad Española de Medicina de Familia dáme a razón, ao definir a SPV como “estado que se produce en el trabajador al fracasar el proceso de adaptación en la vuelta a la vida activa (…) causa un estado de malestar genérico, con síntomas tanto psíquicos como físicos (…) afectando principalmente a personas jóvenes, menores de 45 años”. Aí estamos. Á xente de antes, a SPV non lle afectaba.

En inglés a SPV ten o bonito nome de Post-vacation blues. Tamén hai Monday blues (síndrome da fin de semana) e Post-party Blues (“o experimentado logo dunha festa, que non debe confundirse cunha resaca, aínda que pode ter efectos psicolóxicos similares”). A wikipedia inglesa di que a SPV pasa nun par de días, pero outra forma de tratamento é “compartir as experiencias das vacacións con familiares e amigos, mirar fotos…”. Xa. Vente que vemos as fotos da viaxe, a ver se me cura a síndrome posvacional. O que fai a xente para que piques.

(La Opinión de A Coruña, 30/8/2014)

Advertisements