Etiquetas

, , ,

Boto de menos aquelas ofertas que me chegaban por email de alongar o que só se alonga cando quere e ata onde pode; fármacos para axudalo a manterse aí, fose longo ou curto; ou concederme unha hipoteca en condicións máis que favorables, sen preguntar sequera se tiña algo que hipotecar. Eran os primeiros tempos do spam electrónico. Tan inxenuo que chegaba con indicarlle ao xestor de correo que bloquease aquelas mensaxes que incluíran as palabras “penis”, “viagra” ou “mortgage” e arreando. Mesmo había un chiste daqueles arxentinos nos que saía Manolito Goreiro, o personaxe fillo de tendeiro amigo de Mafalda, dicindo: “Este es un virus gallego, basado en la confianza. Está vd. infectado. Haga el favor de mandárselo a todos sus contactos y después borrar su disco duro”.

        Despois veu a adaptación da carta nixeriana. O email nixeriano, vamos. Xa saben, iso de que hai un ministro/embaixador nixeriano que necesita sacar cartos do país, e pese ao know how que teñen as clases dirixentes africanas nese tipo de exportacións, o home necesita axuda, e non precisamente de asesoría. A min tocoume unha versión femenina e romántica, a de mademoiselle Eva Aka, que me escribía en francés desde Costa de Marfil contándome que tiña 20 anos, sen pai (asasinado) nin nai (morta do desgusto) pero con cinco millóns de dólares de herdanza. O malo é que os asasinos do pai andábana buscando, pero ela non podía sacar os cartos do banco senón transferilos a un titor. “A miña vida está en xogo, e non teño nada e debo o hotel. A miña esperanza é atopar unha persoa honesta e sincera que me axude a saír desta situación, a transferir eses fondos”. Tamén teño gardada outra, tamén de folletín, en portugués: “Ultimamente vem acontecendo coisas muito estranha comigo, minha menstruação atrazou. Entao resolvi fazer um exame de sangue e deu positivo. Estou mandando junto com esse email o exame pra voce vêr. Por favor estou precisando do seu apoio nesse momento, nao me abandone neste momento que eu mais preciso de você”. Non viña asinada. O truco debía estar en que se daba cun destinatario picaflor, se botara axiña a abrir o teórico exame de sangue.

Xa non chegan, polo menos a min, cousas así. Arriban á miña caixa de correo, como de seguro ás súas, algúns escasos superviventes dos mails xa abatidos polas escopetas antispam dos servidores de correo electrónico. De vez en cando vou mirar o cartafol do lixo por se hai algo pavero, ou por se lle atinaron a un amigo, que a veces hai mensaxes que caen vítimas do fogo amigo. Pero a maioría do spam que chega é, como o que chega á caixa de correo que hai no portal, ofertas e promocións que un mesmo atraeu sobre si un día que puxo o seu enderezo onde non debía ou nin tivo máis remedio. Agora, como moito, chega algún burdo intento por parte de algo que fala en googletranslatés de que lles deas as túas claves (“por lo que se ruega información obligatoria la cuadrícula de abajo”) porque están reconfigurando o condensador de fluzo (“a pesar de que pidiendo disculpas por cualquier inconveniente”). E outros veñen co remitente dun amigo. Ata agora nunca piquei. Os do spam non deben saber que existe o galego.

Nota: Aos dous días, chegoume un spam en perfecto galego

(La Opinión de A Coruña, 8/11/2014)

Advertisements