Etiquetas

, , , ,

Estou vendo unha foto. Dixital, claro, quen viu unha das outras desde que se deixaron de usar as cámaras analóxicas. É vella, pero non bastante para ser das de antes. Pasaron dez anos, pero parecen lustros. É a dunha inauguración, desas que están os protas todos sorrintes, como se algo da situación tivese gracia. Un ten o sorriso conxelado, como de hiena, así que xa sospeitarán que é Aznar. Efectivamente, é Aznar, embutido nun deses abrigos negros que tanto usaba. É o único que ten as mans cruzadas por diante (o que, segundo parece, indica un certo grado de negatividade). Os outros tres están aplaudindo, mesmo podiamos dicir que dando palmas, a teor de a quen rodean. Son a daquela presidenta de Madrid (comunidade), Esperanza Aguirre, cun chaquetón de pel sport e un pantalón hipster a cadros (si, ela é capaz); Francisco Álvarez Cascos, entón ministro de Obras Públicas, cunha parka desas que son o equivalente en roupa aos todoterreo (“estoy-en-ello-soy-ingeniero”) e Alberto Ruiz-Gallardón, a tal hora o alcalde que deixou empufado a Madrid e “verso suelto” do PP, cun abrigo igual de solto, acampanado, que de lado parece unha sotana.

    O protagonista principal, sen embargo, é un monolito, como en 2001, una odisea en el espacio. Só que este é azul e algo menos misterioso, porque pon: “Autovía de circunvalación a Madrid. M-50. Tramo M-409-A-6 y autopistas de peaje R-3 y R-5” . Despois o de “isto foi inaugurado…”, que lles aforro. A razón deste exercicio de nostalxia son as últimas siglas, as que parecen instrucións dunha guerra de barcos: R-3 e R-5 resultaron practicamente fundidas, xunto coas R-2 e R-4, a M-12 ( ou Eje Aeropuerto de Barajas), a AP-41 (Madrid-Toledo), AP-36 (Ocaña, Toledo-La Roda, Albacete), a circunvalación de Alicante  e a autoestrada Cartaxena-Vera. En total 682 kilómetros de vías de alta capacidade que resultaron ser de excesiva capacidade, porque non atraeron máis do 16% do tráfico previsto, uns 5.500 vehículos diarios. Tanta infraestrutura e pasan menos coches que por Carral. As débedas non se sabe se son de 4.600 millóns de euros ou de 3.700. Se non saben calcular miles de vehículos como van saber calcular miles de millóns de euros.

Sexan 4.600 ou 3.700, o caso é que Bruxelas (Bruxelas non, que é unha cidade preciosa, os que van alí a mandar), a mesma que prohibe construír barcos en Ferrol, ou producir máis leite da que marcan, autorizan ao goberno español a “rescatar” as empresas concesionarias. Facenda que se opuña antes das elección europeas, agora di que adiante, e que non é para tanto, porque os acredores (que son os bancos, quen se non?) aceptan unha quita dun 50%. Que so nos vai custar 2.300 millóns ou 1.850, vamos.

Os da foto xa non están. Eran e son deses liberais que, desde os seus postos na Administración esbardallan contra o Estado, pero estarán de acordo co rescate. Xa non están, nin terán responsabilidade ningunha sobre a desfeita que alentaron, se supón que informaron, autorizaron e inauguraron. E cando, unha vez saneadas as empresas das autopistas, se vaian privatizar outra vez (non é unha suposición, figura nas condicións) son os que farán proclamas sobre as vantaxes do privado sobre o público. Con xente así mandando, desde logo.

(La Opinión de A Coruña, 13/9/2014)

Advertisements