Etiquetas

, , ,

A fins do verao, polo menos do verao do calendario, este periódico publicaba unha reportaxe sobre a potencialidade do turismo medieval. Non se refería ao que trae a súa comida e bebe nas fontes, nin ao que se ve reverenciando con papanatismo idolátrico unha centola como se fose a reencarnación comestible deses deuses indostánicos de varios brazos. Referíase ao turismo de castelos e fortalezas medievais, das que hai unha chea en Galicia. Tanta, que no Instituto Padre Sarmiento, dependente do Consello Superior de Investigaciones Cientificas (CSIC), entre 1997 e 2006 fixeron un traballo de recompilación, no que atoparon medio milleiro de edificacións, pero o informe aínda está sen concluír e sen publicar. Un experto do CSIC citado na reportaxe dicía que, da mesma forma que fan en Inglaterra, Gales ou Escocia, podíase promover un turismo de sendeirismo ou adaptar os castelos para celebrar eventos, desde exposicións a vodas.

      Non me vou poñer a discutir cun experto, e menos do CSIC, sobre todo se estou de acordo con el, pero moito me temo que non vai ser posible. Xa sei que en Gran Bretaña é habitual que os aristócratas que non dan mantido os seus fermosos pazos rurais ábrenos a visitas de pago, pero aquí, xa ven o que custa convencer aos “propietarios” de Meirás para que entre alguén que non sexa un fotógrafo de Hola! E os castelos no Reino-aínda-Unido, polo menos algún que vin en Escocia, por moito que estivesen en ruínas, eran ruínas practicables, que se podían visitar sen perigo, sen ter que tornar das silvas nin das ortigas, nin dos cables da luz á hora de sacar fotos, e nos que había rótulos informativos. Aquí, ou levan en restauración e pechados desde 2007, ou están feitos unha silveira desde que os Irmandiños pasaron por alí, ou no caso de que estean restaurados, a chave está no Concello ou na Delegación Provincial de Turismo, e hai que avisar antes.

Isto pasa porque durante centos e milleiros de anos, este país mirou máis para o que había alén do mar, Irlanda, Inglaterra, América, que para o que estaba tras dos montes, de onde soamente viñan desgustos e ordes de ir a guerras. Torrente Ballester aínda se acordaba de cando Ferrol estaba máis preto de New York e de La Habana que de Madrid, e despois do café discutíase da batalla de Trafalgar. Pero desde hai unhas décadas, non sei se a consecuencia dos veraneos de Franco, da chegada do ferrocarril ou dos repetidores de TVE, xa non. Así que o modelo é amorear xente na costa mes e medio, darlles parrilladas de pescados (sexa o que iso sexa), tupir as vías de comunicación, e o resto do ano e de Galicia, pois a queixarse de que nos telediarios nos poñen mal tempo. Se aínda hai nada descubriron que se podía promover o turismo a Santiago, a maiores dos fogos do Apóstolo e da feira de Santa Susana! E iso porque a Portomeñe se lle ocorreu o do Xacobeo, con medio escándalo da Igrexa, ata que viu como se enchían os cepillos catedralicios.

Se queremos que iso das castelos vaia adiante vai haber que convencer a Dan Brown ou a Juan Gómez-Jurado de que escriban unha novela situando a procura do Santo Grial de Narahío a Monterrei, pasando pola Torre dos Andrade.

(La Opinión de A Coruña, 27/9/2014)

Advertisements