Etiquetas

, , , ,

Hai diversas teorías sobre se o Estado é necesario, útil ou unha sobredose de poder. Algunhas ideoloxías situadas nas extremas, o anarquismo e o neoliberalismo, tócanse en abominar del. Noutras estremas, a dereita e esquerda, hóuboas que sostiñan –e demostraban con feitos- que o Estado mandaba sobre todo. Polo medio, dun lado están as que queren un estado forte para que haxa orde e autoridade e, en tempos pasados e non tanto, a oportunidade de irlle pillar materias primas e terreos a uns tipos meridionais e sen estudos. Cara o outro, os que consideran que os gobernos deben favorecer o progreso dos cidadáns, pero coidando dos que non dan progresado (a verdade é que sen conseguilo na inmensa maioría dos casos). O certo é que historicamente o Estado –quen mandase, o Rei, o emperador, ou quen fose- era unha fonte de problemas: se se enfadaba co veciño mandábate á guerra ou viña o veciño a invadirte, tiñas que mantelo (a el e/ou o veciño) e a cambio de nada. Desde que foron caendo as coroas (algunhas con cabeza incluída) pouco a pouco foise implantando que ademais do deber de poñer o lombo, o ex súbdito tiña dereito ao amparo da autoridade. Por iso non entendo a pachorra desde país ante a estafa que nos fixo o Estado co tema das caixas.

     O das preferentes é cousa xa sabida. Entendo que os que asinaron co dedo se fiaron do director da sucursal, pero houbo moita xente que tiña máis coñecementos, e que meteron os cartos nelas, por que? Porque eran legais. Da mesma forma que hai séculos a xente antes de comer algo cheirábao a ver se estaba para comer ou para tirar, e agora se fía dos controis sanitarios e das normas de hixiene. Se se vende nun supermercado será rico ou non, pero será comestible, porque se non, estarase cometendo un delito. Se se vende nun banco, o mesmo. Quen autorizou que se vendera un produto bancario que permitía depósitos a 900 anos? As mesmas autoridades –tanto me ten que antes se chamara Ministerio de Economía, Banco de España, FROB ou Compañía dos Grandes Expresos Europeos- que fixeron logo unha operación acordeón pola que unha entidade –NCG Banco- que presentaban como saneada, resultou que tiña un buraquiño de mil millóns de euros. Non soamente deixaron desaparecer as sociedades financeiras e con elas boa parte dos aforros dos galegos, de ter presos os investimentos de centos de persoas, senón que deixaron caer por ese buraco 70 millóns de euros duns empresarios incautos que coidaban que con ese diñeiro reflotaban un barco e en realidade estaban achicando unha vía de auga cun vaso.

Haberá a quen o feito de que boa parte das fortunas de Galicia fosen –presuntamente- estafadas non lle dea pena ningunha. A min paréceme que eses cartos estarían mellor investidos en calquera outra cousa que no limbo e que os empresarios estarían mellor menos escarmentados de ter participado nunha operación de salvamento de algo –unha ferramenta crediticia- galego. Non deixan de ser curiosos os razoamentos para os investimentos que se escoitaron nas vistas orais: “O te metías o eras casi un traidor a Galicia”, explicou un. “Sobre todo soy muy gallego”, xustificou outro. Non sabía que xente con tanto poder fose permeable a ese tipo de argumentos.

 (La Opinión de A Coruña 15/11/2014)

Advertisements