Etiquetas

, , , ,

Non sei como lle irá ao Real Madrid no Bernabeu este domingo. Supoño que divinamente, que non hai nada mellor que blindarse con cartos para estar a cuberto. Pero sei como lle foi onte venres ao seu presidente, Florentino Pérez, na súa outra empresa, ACS. O venres, a aliñación do consello de ministros encabezada por Mariano Rajoy, deulle unha vitoria de nada máis e nada menos que 1.350 millóns de euros, como indemnización pola paralización do Proxecto Castor, o almacén de gas submarino situado na costa de Castellón. O almacén está paralizado desde setembro, dado que se demostrou finalmente, como todo apuntaba, a que as inxeccións de gas eran as causantes de polo menos 500 sismos que se produciron nesa zona da costa levantina.

Aquí un amigo

     En realidade estou esaxerando algo. 1.350 millóns é o que recibirá a empresa concesionaria de explotación –nunca mellor dito- do almacén, Escal UGS, da que ACS ten o 67% da propiedade, e que no verao decidiu renunciar á concesión e á explotación, ás dúas cousas, que tiña desde 2008, e reclamar 1.600 millóns de euros que costou o trebello, aos que parece que tiña dereito se as cousas se torcían. Digo “parece” e non digo ben outra vez, porque cando o Goberno (do PSOE, non do PP) acordou tal negocio, así estableceu que si. Que Escal UGS tiña dereito a renunciar á concesión durante un prazo de 25 anos e a cobrar el valor neto contable. O Goberno, cando espertou, ou alguén mirou o que alguén firmara, intentou botarse atrás pero o Tribunal Supremo –non me vou meter se hai moito ou pouco madridista- dixo que outra vez o pensaran antes.

O estaribel Castor financiouse cuns bonos de débeda. ACS aseguraba no informe depositado na Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) que como Escal tiña dereito a devolver a concesión cando lle petara, “el valor de la inversión es totalmente recuperable”. En efecto, agora os que compraron os bonos recibirán os cartos, que pagaremos os consumidores no recibo do gas. Teño que recoñecer que estou –outra vez- completamente equivocado coa idea que tiña do capitalismo e do mercado. Sen dúbida enganado polos relatos de Verne e Stevenson nos que comerciantes se arruinaban polo naufraxio dos barcos que traían as mercadorías nas que meteran o seu capital, ou empresarios que facían fortunas apostando arriscadamente por minas remotas, eu pensaba que o investir tanto podía acabar dando en ganancia como en perda. Pero polo que se ve, se negocias ben, o de perder deixa de ser unha variable.

Claro que poñer unha plataforma no mar e desde alí mandar o gas a un buraquísimo que quedou no fondo desde que sacaran petróleo había anos (así, ao bruto, foi o que fixeron) non é como encher unha pía de auga. A empresa entregou un informe técnico, avaliado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME), que non mencionaba para nada a posibilidade de que se produciran sismos. Non obstante o doutro organismo, o Observatorio del Ebro, feito antes, xa advertía que a actividade de Castor se consideraba a nivel mundial como “potencialmente indutora de terremotos”.  Por que non lle fixeron caso a este e si ao outro? Aquí é onde se ve a importancia do fútbol. Non vas a andar amolando a alguén con quen celebras os goles no palco presidencial, non?

(La Opinión de A Coruña, 3/10/2014)

Advertisements