Etiquetas

, , ,

O positivo do mundo actual é a súa inacabable capacidade de sorprendernos. Polo menos a min. Ou polo menos no que respecta á necesidade de exhibicionismo do ser humano, ou de determinados seres máis ou menos humanos. Despois dos asistentes as aglomeracións nas saídas e entradas dos imputados famosos dos xulgados; dos que van aplaudir aos enterros das vítimas ídem; dos que fan unha gravación das fillas bailando un anaco de Happy¸ de Pharrell Williams, e a suben a youtube; dos do desafío de Tibu ou do caldeiro de auga xeada, está o fenómenos dos selfies. Os autorretratos.

Por suposto, os selfies non serían un fenómeno se se chamaran un “timesmo”, se os móbiles non tiveran esa cámara frontal que non serve para nada porque ninguén fai videochamadas, e se a xente non chegara final e definitivamente á conclusión de que quen en realidade lle interesa é ela propia. Cada un a si mesmo ou mesma. Para que aparecer con alguén cando foi a tal sitio, ou estivo en tal situación, se o que queres é recordar que fuches ti, non a viaxe que che deu fulano ou o mal que se portou mengana daquela. Ti mesmo, a túa cámara frontal e o álbum do teu móbil chegados e sobrades. Así hai xente que se esfociña no máis difícil todavía do selfie¸ dándolle á tecla mentres pensa o que lles vai dicir ás amizades, en directo ou por whatsapp: “mira, eu aquí caendo dun monte abaixo”.

Tan fenómeno social son os selfies que serven de probas periciais. Por exemplo no caso da rapaza supostamente violada –non sei se sexualmente, pero desde logo xudicialmente- en Málaga. Un dos argumentos de que non houbo abuso sexual é un selfie da rapaza cos supostos agresores. Coa mesma lóxica, as fotos de voda serían un argumento de peso contra os divorcios, e xa non digamos contra os casos de violación no matrimonio. Logo dunha sesión de catro horas de “vodka caramelo” (ignoro en que consiste tal cousa, que parece ser de venda libre, pero debería figurar entre as substancias rexistradas na Drug Enforcement Administration dos EEUU) supoño que as diferencias entre sexo consentido e violación, desde o punto de vista de vítima, non deben ser grandes. Para unha rapaza de 20 anos ou para un estibador de 50. O detalle de gravar o que fose co móbil por parte dalgún dos cinco machotes que aseguran ver destrozadas as súas vidas -e por iso posan todos farrucos para as cámaras- debeu ser para ter un recordo romántico. Proximamente nas súas pequenas pantallas.

De todas formas, self, a maiores de “eu/ego/auto”, é tamén “natureza/carácter”. E o caso de Málaga serviu para revelar o carácter de moita xente, por exemplo, o do alcalde de Málaga, para quen parece que as violacións son males que pasan –“hai máis de mil ao ano en España”- como que chova en agosto, ou o de Valladolid, para quen non hai peor combinación que muller e ascensor, porque se poden quitar algo e saír dicindo que as atacaches. Si, eu tamén vin esa película, pero tamén vin Matrix e non por iso penso que haxa unha realidade paralela. Aínda que ultimamente, non sei.

(La Opinión de A Coruña 23/8/2014)

Advertisements