Etiquetas

, , , ,

Teño un amigo que sempre volve desacougado das visitas ao campo. Ao campo-campo, ao rural, non ao de fútbol. “É ver as casas derruídas e pensar en canta xente se esforzou traballando para erguelas e para mantelas, que vidas tiveron dentro, cantos naceron e morreron nelas, e agora velas coas silvas como únicos habitantes dáme non sei que. E o mesmo ver as leiras deixadas a monte. Mira que me gusta andar por aí, pero cando volvo a casa, á cidade noto que experimento a mesma sensación de alivio que as patrullas de recoñecemento nas películas de guerra cando volven ao campamento. Hai crise, está todo mal, pero estou máis seguro”. Eu non o estaría tanto. Da mesma forma que o inimigo tamén bombardea o campamento, na cidade tampouco estás seguro. A min pásame o mesmo ca el vendo o periódico.

  Lendo, por exemplo, o que se dicía nestas páxinas sobre o roubo de Someso. Os veciños de Elviña tiñan unhas fincas que os seus devanceiros traballaron, e sabendo como somos, ganaron co suor do lombo palmo a palmo, aquí, na emigración ou a costa de quen sabe que de traballos. En 1989 (cóntollo para que non teñan que berrar pola casa preguntando polo periódico de onte, ou prender o ordenador), o Concello expropioulles as fincas para facer un acceso a Pocomaco e un campo de fútbol. É dicir, en nome do progreso e do fútbol, que son os tótems sagrados do noso tempo. Tamén para a “potenciación del patrimonio municipal del suelo”. Dez anos despois, o Plan Xeral declarou os terreos como urbanizables, a carretera fíxose, o campo non, e o moito que sobraba aportouno o Concello á xunta de compensación que acometía a promoción inmobiliaria da zona. Onde se ía potenciar o patrimonio municipal potenciouse, como poden comprobar, unhas torres de vivendas altas como un mundo e un centro comercial, é dicir, outro tipo de patrimonio. Todo foi bendicido administrativamente en 2004 e 2005 e agora sábese que a manciña que levaba os papeis dun lado a outro, logo de apartar aos funcionarios encargados de facelo, era nada menos que a do alcalde Paco Vázquez. A dilixencia quizais se debía a que á cabeza da operación promotora estaba o presidente da patronal e socio seu, Antonio Fontenla, ou quizais non.

O Tribunal de Contas, informado daqueles traballos do entón alcalde, pide agora a anulación daqueles acordos, por se hai responsabilidades contables, dado que aos expropiados tivémoslle que pagar 9 millóns e aínda lles debemos 20. O actual goberno e antes sempiterna oposición montara unha escandalera co asunto. Agora non. O habitual efecto trankimazín de estar ao mando, ou outra confirmación da única norma que John Galsworthy, o autor de La saga de los Forsyte dicía que tiñan que seguir os políticos: non dicir no poder o que dicían na oposición. O concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, aseguraba onte este xornal “desconocer la sentencia de Cuentas y, en todo caso, el asunto no es competencia de mi área”. Tampouco o goberno local dixo nada sobre que o Tribunal de Contas cuestione un acordo municipal que lle acabará costando a todos os coruñeses case 30 millóns de euros. Debe ser responsabilidade dos sindicatos, que teñen o edificio na zona.

La Opinións de A Coruña 13 de decembro de 2014

 

Advertisements