Etiquetas

, , , , , ,

En pouco máis dunha semana, o de Charlie Hebdo pasou a ser dun suceso a motivo dun debate sobre a liberdade de expresión, que algo bo tiña que ter. Iso e as dúas cuncas de caldo que levaron os asasinos, que saíron da redacción berrando “Matamos a Charlie Hebdo” e conseguiron que unha revista que tiraba 50.000 exemplares publicase tres millóns do número seguinte e se esgotase. Parte do mérito –do debate- está na cuadrilla de farsantes de alto rango que acudiron a dar o seu testemuño de solidariedade e de compromiso coa liberdade de expresión manifestándose. Xoias de dirixentes como Benjamin Netanyahu, o primeiro ministro dun país Israel, que ten a dubidosa honra ser o segundo, despois de Siria, no número de xornalistas mortos (7 en Gaza). Tamén estaban os dirixentes do país que máis periodistas encarcera, Turquía, onde en marzo pasado se chegou a prohibir Twitter e YouTube (tamén estaba o presidente do segundo clasificado, Bahrein). E desfilou o primeiro ministro húngaro, Viktor Orban, que axeitou todas as leis como lle conviña, ata o punto que mesmo os EEUU denunciaron un retroceso nos dereitos humanos. Entre outras reformas, anulou a posibilidade de reclamar legalmente que se publiquen informacións sobre o uso de fondos públicos.

Con todo, o máis interesante é o debate sobre a liberdade de expresión. Hai quen xustifica, ou comprende os feitos, en base á promoción occidental de conflitos como o de Siria, Libia ou Afghanistán, como se Charlie Hebdo se destacase por ser un firme defensor da política de intervención. Ou polo negro futuro da xuventude de orixe árabe na sociedade francesa, argumento que —cambiando o cor da pel, pero non o das perspectivas— tamén vale para xustificar ou entender os movementos neonazis. E a solidariedade e a indignación non son sentimentos dun só uso e unha única dirección: pódense experimentar sobre os catro xudeus da tenda kosher do Marais e sobre os masacrados de Gaza. A liberdade de expresión ou de opinión ten límites? Claro: o de difundir falsidades e o de atentar contra a intimidade das persoas. Pero Mahoma non é unha persoa, e o Papa, ou Hollande, son personaxes públicos, expostos á crítica. (Por certo, en España está pendente de xuízo un escultor por atentar contra a honra de Franco por expoñer a súa figura nunha neveira).

En Francia foi detido por apoloxía do terrorismo un humorista, Dieudonné M’Bala M’Bala (con eses apelidos…) por poñer un tuit que dicía “Síntome Charlie Coulibaly” (Charlie Hebdo + Amedy Coulibaly, o terrorista da tenda xudía). En España, onde todo é caricatura, botaron a Los Chunguitos de Gran Hermano Vip por un comentario homófobo que dixo un deles (“prefiero a un hijo cojo que marica”) nun debate de gran altura intelectual cos outros participantes, dos que só recoñecín a Belén Esteban (ou que o foi no seu día). Un tanto noqueados, os dous Chunguitos actuais tiveron que asistir á ordalía de ver en directo a súa metedura de pata, a súa consecuencia nun concursante homosexual e montar un espectáculo de pedir perdón a España, e chamar “a un amigo gay que tengo, ven pacá, Jorge, te voy a dá un beso. ¡En la boca!” Los Chunguitos teñen a opinión que lles inculcaron, e teñen dereito a expresala. E eu a botar de menos os tempos nos que falaban do que si sabían,  atracos e heroína, sen ter que facer o ridículo.

 

(para sábado 17 de xaneiro de 2015)

 

 

 

 

Advertisements