Etiquetas

, , ,

Acabo de recibir un correo electrónico que xa ía proceder a arrombar, pensando que era un spam, dado que viña en inglés e dun destinatario descoñecido, ata que reparei en dúas cousas. Unha que os destinatarios estabamos á vista e non ocultos, e outra que o remitente tiña nome e apelido inequivocamente galegos. As tres ducias de enderezos electrónicos eran os dos directivos dunha multinacional e o resto os de xornalistas, uns dun país nórdico, e os outros de aquí, ou máis ben de Madrid.

        O correo era unha carta dun galego residente nos Estados Unidos, dirixida (“Dear Mr. N.N.”) ao conselleiro delegado dunha multinacional acuícola para expoñer unha situación que lle parecía inxusta, segundo lle espetaba xa na primeira liña. Que á súa irmá a botaran despois de 18 anos de servizo nunha das plantas da empresa en Galicia. A carta dicía que era a un posto de traballo da parte inferior da pirámide laboral, “unha transportadora de baldes”, se quería, pero ao tempo “un compoñente importante e crucial da súa empresa”. “Esta historia é tamén outro exemplo dos moitos miles, tal vez millóns de persoas que, igual ca miña irmá, foron vítimas dunha reforma irracional da lexislación laboral e o nepotismo cultural en España”.

A historia, conta o correspondente, comeza cando a súa irmá renunciou á oportunidade de quedar a vivir e a traballar legalmente nos Estados Unidos, “para algúns a terra das oportunidades”, e preferiu volver ao seu lugar e traballar para a súa empresa (a de Mr. N.N.), pensando que así contribuía ao seu crecemento. Hai oito meses, cambiárona da súa quenda e lugar de traballo habitual, coa escusa de que había que reforzar outro. Logo pasou o que de seguro adiviñaron, eliminaron a quenda aquela, e ela non puido volver ao seu posto porque estaba ocupado pola irmá do xerente. “Non é nada persoal, como traballadora es das mellores, 10 sobre 10”. Como se di nestes casos, estaba no lugar equivocado no momento equivocado: cando o tiña que ocupar a irmá do xerente. “Estimado Mr. N, ¿parécelle correcto a Vde? Esta é unha boa práctica de negocios?”, interroga o remitente ao destinatario, antes de recoñecer que o despedimento da súa irmá non é unha noticia de alcance mundial, pero por si ascaso, está a difundila entre todos os xornalistas que coñece, por se estes teñen outra opinión.

A min que boten alguén para meter un enchufado non me parece noticia ningunha, polo menos aquí, non sei se nos Estados Unidos. Pero a carta do irmán paréceme un gran exemplo e un símbolo acaído dos tempos actuais. Sirva de algo ou non, a carta que antes podía acabar na papeleira, caso de que sequera fose aberta, agora pode ser difundida, non soamente polos periodistas, senón por todos aqueles aos que poida acabar chegando. (E o xerente pode acudir aos tribunais caso de non ser certo). Como mestura perfecta entre esa crenza entre a empresa como proxecto común típica do ideario norteamericano e a chamada á insurrección (cando menos de palabra) da Costa da Morte, o correspondente despídese de Mr. N.N. cun “tiña que dicilo. Simplemente non podía deixar que isto pasara desapercibido. Espero de verdade que Vde. e a súa familia teñan un Feliz Nadal e Feliz Ano Novo”. E cunha posdata: “A todos os españois vítimas da recente reforma laboral… forza, non vos derrotedes”.

(La Opinión de A Coruña 20 de decembro de 2014)

Advertisements