Etiquetas

, , , , , , ,

A chamada xente do fútbol, é dicir, os dirixentes dos distintos estamentos, non os afeccionados, están a ver como expulsan aos violentos dos estadios. Xa era hora, e deséxolles o mellor dos resultados. Nalgún sitio conseguírono, ou sexa que debe ser posible, igual que noutros sitios deron acabado coa impunidade en asuntos de corrupción. Desde logo, como non o van conseguir é polo método que utilizaron ata agora, o das misses e as celebridades que desexan paz en el mundo. Porque o que noutras partes, como no Reino Unido funcionou, como prohibir a entrada nos campos aos elementos perigosos, aquí xa se fixo por orde xudicial, e como se chovera. De todas formas, ten gracia —a pouca gracias que pode haber neste caso— que nas instancias onde se piden estas cousas o resto do ano se prendan piras para queimar rivais e o que faga falta para subir a audiencia e incrementar o negocio.

      Pero unha cousa é erradicar un fenómeno que é mellor atallar a tempo, é outra andar tocando o pínfano para distraer a atención do principal: aquí morreu unha persoa, e hai uns culpables e hai uns responsables. O morto, Jimmy, non era unha persoa exemplar. A pesar do hábito dos medios de comunicación de anxelizar as vítimas, de momento, para selo non se require un certificado de boa conduta. Tampouco parece que fose o antifascista que nos queren pintar, pero non ven a conto debater sobre a firmeza das súas ideas. E, si, hai antifascistas que son maltratadores, e podes ser de esquerdas e ter á compañeira feita unha escrava mentres ti fas a revolución ni bar. Non creo que Vladimir Lenin e Nadezhda Krúpskaya repartiran os labores do fogar. De acordo con que poñerse detrás dunha pancarta de “Non ao racismo” non garante nada, pero sempre máis que berrar “negros no!” ou ir en banda a apalizar homosexuais polo Retiro. En todo caso, é curioso como, hai pouco tempo, xente como Jimmy era produtos dunha sociedade desigual. Tipos ben máis bravos ca el eran iconas contraculturais que protagonizaban películas de Eloy de la Iglesia ou Saura. Agora os jimmys son pouco máis ca un escombro social.

“Quen vai á guerra, xa sabe o que pode pasar”, teño escoitado estes días. Está claro que Francisco Javier Romero Taboada non foi a capital a ver o musical Priscilla. Foise dar unhas hostias con outros, presuntamente, ou polo menos sabía que había unha posibilidade bastante alta de que iso pasara. Nesas ocasións en que se xoga con lume, pode haber un golpe mal dado, unha bengala que impacta e alguén, implicado ou inocente, que se converte en vítima mortal. Aquí non pasou nada diso. Francisco Javier Romero Taboada foi linchado, como describen testemuñas presenciais nun vídeo de Atlas TV.

Así que o que procede é buscar aos culpables, e establecer responsabilidades. Non onde conseguiron as entradas ou alugaron os buses. A policía non estaba, e os que estaban non consideraron oportuno sacar a un agonizante da auga. É que o partido non estaba declarado de “alto riesgo”, e o Deportivo non avisou de que viñan Riazor Blues, ou avisou daquela maneira. É dicir, alguén non cubriu os impresos adecuados, que son imprescindibles para que as cousas se movan en Madrid. Home, os coruñeses tiveron que chegar ás agachadas das forzas de seguridade, pero os madrileños pasaron a noite mamándose, e desfilaron, armados, sen que a policía, que ten un sentido arácnido para detectar antisistemas antidesaloxo se apercibira. Debe ser que é un espectáculo habitual. E menos mal que a cousa foi nas proximidade do Vicente Calderón, que se chega a ser en Moratalaz… Chegaron media hora tarde e a quen detiveron? A quen tiña un parte de lesións. Curiosamente, o ministro do Interior viuse obrigado antes a saír a dar explicacións sobre as condicións nas que cumpre condena unha cantante de coplas. O importante é o importante.

 

La Opinión de A Coruña, 6 de decembro de 2014

 

Advertisements