Etiquetas

, , ,

“Quero falar co director!” Confeso que esa frase é, xunto con “siga a ese coche!” das que pensas que nunca vas escoitar na vida real. A do coche non a escoitarei na vida, quitado que me meta a taxista, pero a do director escoiteina esta mesma mañá nun banco que non frecuento, e no que entrei cun colega para continuar unha charla interesante. Quen a dixo era unha muller, indignada sen chegar ao alporizamento, que pretendía non recuperar os cartos dunha preferente ou que lle devolveran as perdas do plan de pensións, senón que non lle costara cartos facer un ingreso nunha conta do propio banco.

A ver se me explico. Tal e como o entendín, a imponente (que é como te chaman nos bancos se vas meter cartos, se os vas sacar chámante o interesado, como se eles foran uns desprendidos) xa estaba experienciada no de andar facendo transferencias, e para evitar que lle cobraron na súa entidade, ou na de destino, ía en persoa a facer o trámite. Si muller si, vas ser ti máis lista ca eles. A depositaria estaba que roía porque lle pretendían cobrar tres euros non polo ingreso na conta dunha clienta, senón por especificar o concepto. Por poñer o seu nome para que identificaran de quen eran os cartos. “E se poño soamente Isa, vanme cobrar a euro por letra?”, ironizaba. “Pois si, son as normas que temos”, dicía a do mostrador, invocando as normas como se estiveran gravadas en bronce, ao tempo que salvaba ao director dicindo que estaba de días libres. Teño un umbral de contención baixo, así que saín fóra, e de paso para ver en internet as tales “normas”.

De entrada, con normas ou sen elas, se o que van é meter cartos no peto dun cliente, e polo tanto no seu, o banco debería aplaudir coas orellas, se faga no mostrador ou no caixeiro. Entre outras cousas porque lle está dando servicio a un cliente seu, ao que por outra parte lle cobra unha comisión de mantemento da conta. Os bancos din que se lle cobra o seu banco por facer a transferencia, porque eles van facer ese servicio gratis. Pois tampouco, pero eles ingresan, e o único traballo que fan é abrir o caixón para meter a pasta. En canto ao da comisión (ata 4 €) polo concepto, hai ben poucos escritores que cobren a euro por palabra, e xa non digamos por letra. Pero a maiores do sentido común, resulta que mesmo o Banco de España recoñece que esa medida é irregular: “Dado que el servicio de caja en estos supuestos se retribuye a través de la comisión de mantenimiento, el adeudo de cualquier otra comisión se considera improcedente”, asegura na memoria do Servicio de Reclamaciones de 2012. O que pasa é que “improcedente” queda moi “caballero, esa conducta no obedece al decoro, utilice correctamente la pala del pescado”, en vez de “estafa”. Cando alguén reclame, deixarán de facelo, pero logo de embaular millóns de euros. Improcedentes, pero contantes e soantes. Un usuario de banca en España paga de media máis de 500 € de comisións ao ano, mentres o que se paga de medio en Europea son uns 111€. Ademais, o banco cóbranos por gardarnos os cartos, pero cando os autorizamos nós a prestarllos a outros ou facer negocios con eles?

(La Opiniónde A Coruña, sábado 3 de xaneiro de 15)

 

Advertisements