Etiquetas
atentado, Charlie Hebdo, liberdade de expresión, Terrorismo, yihad
Je suis Charlie, a frase máis estendida nas últimas horas no mundo, repetida na súa grafía e no seu idioma orixinal, ou adaptada a linguas e caracteres, ocorréuselle cando soubo do asalto á redacción de Charlie Hebdo a Joachim Roncin, de 39 anos. Joachim estaba naquel intre noutra redacción de París, na dunha revista gratuíta de estilo, na é deseñador gráfico e puxo ese berro de solidariedade na súa conta de Twitter, que entón tiña só uns 500 seguidores. As redes sociais, a súa onda expansiva e a súa capacidade de facernos crer que hai alguén ao outro lado, fixeron o resto. Neste caso haino, porque ante un horror así, calquera persoa con medio gramo de dignidade, xornalista, fontaneiro ou calafate de buques, debe sentir dor polas vítimas, e proclamar a súa solidariedade co medio agredido.
Todos deberíamos ser Charlie, e parece que hai a quen lle costa. A algúns, como lin en algures, porque se na revista eran racistas ou se metían co Islam (ben, non sei ata que punto é meterse co Islam retratar a Mahoma dicindo “Que duro é ser amado por uns gilipollas!”). Efectivamente, metíanse cos musulmáns, cos xudeus, cos católicos, cos gobernos e cos gobernados. Metíanse con tutti quanti¸ e así entre nós, con un gusto en ocasións dubidoso. Pero a liberdade de expresión non ampara unicamente o humor inglés, ou as opinións que lle parece correctas á maioría Non todas as opinións son respectables, pero si é respectable o dereito a expresalas.
Tamén hai quen di que Charlie Hebdo cometía continuas faltas de respecto as crenzas de moita xente. Supoño. As crenzas hai que respectalas mentres se manteñan nos límites da vida privada. Historicamente, desde o momento que traspasan ese límite, foron causa de millóns de mortes. Xa sabemos que non son as relixións as que causan agora os mortos, que son os seus practicantes fanáticos. Efectivamente, pero non hai fanáticos de Beethoven que maten por dicir que a súa obra luciría máis se non incluíra a ópera Fidelio. De vez en cando algún hai por causa do fútbol, pero a gran maioría son fanáticos da relixión. E todas deberían asumir que non teñen por que esixir más respecto que calquera outra crenza ou actividade humana. Empezando pola musulmá, que é a máis susceptible, pero continuando pola xudía, e rematando pola da casa. Hai que recordar que non hai moito, algúns fanáticos, e non musulmáns, puxeron unha bomba nun espectáculo de Leo Bassi porque se permitía unhas licencias coa fe católica.
E por último, todos deberíamos ser Charlie, empezando por eses que din selo, e participan no coro anxélico da Liberdade de Prensa, mentres a conculcan a diario. Ou outros, herdeiros dos que fixeron morrer no exilio tamén un 7 de xaneiro a outro caricaturista, Castelao, e que acaban de aprobar, entre o silencio cómplice, unha Lei Mordaza, que considera delito ler: “Consultar habitualmente uno o varios servicios de comunicación accesibles al público en línea […] que resulten idóneos para incitar a otros o reforzar la decisión adoptada de incorporarse a una organización o grupo terrorista” (so con ler prensa diaria chega, a veces).
En realidade, sempre se mata por algo máis simple. Por odio. En pleno ascenso do nazismo, nunha das moitas cartas que se intercambiaban os escritores austríacos xudeus exiliados Joseph Roth e Stefan Zweigt, o primeiro dicíalle ao segundo que a cousa non ía da habitual persecución: “Aquí non van so contra os xudeus. Aínda que, como sempre, son os que máis berran. Aquí van contra a civilización europea, contra a humanidade”.
(La Opinión de A Coruña, 10 de xaneiro de 2015)
“Nihil Obstat” a todo o expresado no artigo. Só unha reflexión persoal. Mátase por odio. No caso de Paris, pese a todas as alusións ós perigos do yihadismo e das radicalizacións varias que a prensa e a política inflamada se encargaron de vocear, eu non puiden deixar de ver- e podo errar- certo odio derivado quizáis dunha situación mais sinxela relacionada coa clase, coas castas, co sentimento de cidadán franco-arxelino de segunda habitante da “banlieu” que leva décadas de non integración e decide “xogar” a terrorista para canalizar ese odio. Eses berros na rúa identificándose como membros do grupo terrorista, ese árabe lido con moita dificultade frente á cámara para facer o comunicado, todo doume un aire como de disfraz, de terrorista postizo, de exclusión. Non está xustificada a brutalidade da súa acción, pero eu non acabo de ver nela verdadeira convicción política ou de crenzas. Só vexo, en todo caso, falta delas, falta de crer en calquera outra cousa
Permítanme poñer aquí a carta ao director (directora, Carmen Merelas) de La Opinión de A Coruña que enviou Marcos Ferreiro Torre sobre esta columna.
Por suposto que a liberdade de expresión ampara o dereito a ofender. E tamén retrata a quen o usa, en todos os aspectos.