Etiquetas

, , ,

Si, eu tamén teño xogado. Non no Congreso dos Deputados, nin no Parlamento Galego, porque sempre que pisei tan nobres institucións foi por traballo (o que non quere dicir que estivese infinitamente ocupado, nin sequera medianamente entretido, pero debe ser pola decoración, os mobles ou as alfombras, que sempre me deu polo papel). O caso é que teño xogado en horario laboral a un especie de precedente do Candy Crush. Servíame para facer pausas, para desestresarme,… e sendo sincero, para pasarme pegado á pantalla como un adicto horas, dándolle ao clic. Creo que se chamaba “Same” ou algo así, pero na familia era coñecido como “as bólas”, a pesar de que eran un cadradiños con cores planas e rotulados A, B,C, D e E. O seu son ambiente era: “Xa estás colgado das bólas?”(con perdón). “Papá está coas bólas e non me axuda cos deberes!”

     Teño que recoñecer que era un bóladicto. Facía capturas das pantallas finais, gardaba as puntuacións en arquivos específicos, e cando podía apuntar o meu nome no top ten de xogadores (no que estaba eu só) poñía frases descritivas do momento. Mesmo fixen un borrador dun relato a base desas mensaxes. Quíxeno deixar. Gardei o programa baixo un contrasinal, mesmo o borrei. Pero ata me fixen medio hacker unha vez que esquecín o cada vez máis complicado contrasinal para desencriptalo, e o mesmo para extraelo dos profundos do disco duro logo de borralo e vaporizalo. Sempre volvía a tentar xuntar os cadradiños, tentando prever ás xogadas coa mesma anticipación que no xadrez. Mesmo cheguei a soñar, de ser millonario, con pagar a un as da informática para que compuxera un programa que atopara a solución máis eficaz en cada caso. E iso que era unha adicción solitaria, sen redes sociais nin farrapos de gaitas. Afortunadamente, salvoume a renovación tecnolóxica. Cando enterrei un ordenador e estreei o seguinte, fun practicar o bolicidio, o trebello saíume con iso de system error ou algo así. O novo sistema era incompatible co vello vicio.

Por iso entendo a Celia Villalobos. A pesar de que nunca xoguei ao tal Candy Crush (selojuro, soamente vin capturas de pantalla) e de que me teño dito a min mesmo que como me volva invitar alguén no facebook a facerme diso, vaime escoitar. Claro que a vicepresidenta primeira das Cortes non se sabe se ten a escusa da adición, ou en realidade é que se aburría como unha mona no discurso de Rajoy. Ben mirado, ata neste caso ten escusa. Que outra cousa mellor podía estar facendo? O papel dos deputados no debate do estado da nación é aplaudir cando o xefe remata, e no caso dos populares, meter bulla cando falan os da oposición, se a consigna é descentrar, ou ir tomar algo ou facer recados se o orador é dunha oposición pequeniña e/ou periférica. Como moito, o papel do deputado pelado, se é medianamente relevante, é responder a algún xornalista sobre como viu o debate, pero xa se sabe que o xefe estivo atinado e fixo unha análise certeira e realista, e os outros non deron pé con bóla. E falando de bólas, teño que deixalos que me reclaman labores urxentes.

 (La Opinión de A Coruña, 28/2/2015)

Advertisements