Etiquetas

, , , ,

Sei que o vou escribir e vostedes se dispoñen a ler vaime atraer as iras de bastante máis xente do habitual, mesmo de algún que outro amigo, e que cando empece a observar desplantes, saúdos fríos ou indirectas como puñais nas redes sociais desta vez si que vou saber por que é. Pero considero que non se debe escribir para facer amigos (aínda que tampouco para o contrario), e que se alguén tivo a imprudencia de permitirme publicar as miñas opinións, non vou multiplicar eu o risco para a sociedade dicindo o que me pete ou me congracie cos lectores. Nada diso, e se estou en desacordo coas novas medidas que vai adoptar a DGT en cuestión de control de velocidade, dígoo, e santas pascuas.

    As novas medidas que levantaron unha considerable algazara no sector volantista, son “tales como la reubicación de radares a vías convencionales y que antes estaban ubicados en autovías o autopistas”, segundo reza a redacción orixinal. A situación dos radares será publicada periodicamente na web da DGT, co que se conseguirá a maiores reducir a fenda dixital, e que todo quisque consulte a páxina e lle aumente as visitas. Por se é moi cansino andar mirando o ordenador antes de coller o coche, “la Agrupación de Tráfico de la Guardia Civil ha recibido instrucciones para que los radares móviles, salvaguardando la seguridad de los agentes, sean visibles para los conductores, y que esa presencia en las carreteras sirva como medida de disuasión y prevención”. Supoño que se non o ves e te collen non poderás alegar que o trebello non estaba o suficientemente visible. Tamén poñerán en marcha a unificación en todo o territorio de competencia de Tráfico dos niveis de tolerancia a partir da que se dispara o radar en todo. Diversidade que eu ignoraba que existira, e se os galegos estabamos discriminados positiva ou negativamente. Supoño que negativamente, e non por vitimismo, senón porque unha vez calcáronme unha multa na A6 por ir a 126 km/h, co que o umbral de tolerancia aquí debía ser nivel Rottenmeyer. Agora a Tolerancia é 7. De 7 kilómetros ata o límite de 100, e do 7% nos límites superiores. Eu aínda podía correr a 4 km/h máis. Como sempre, a finalidade non é recadatoria.

Sen embargo, indo a letra pequena, as medidas van ser unha amoladura. De entrada, para os condutores de camións, buses e furgonetas, porque os radares distinguirán os tipos de vehículos, e polo tanto, o tipo de límite de velocidade que lles afecta. E tamén, coa matrícula, identificarán se o vehículo infractor ten pasada a ITV e ten seguro. E no caso de que te paren, identificarán todo iso e a maiores que e canto tomou o chofer co correspondente control de alcohol e drogas. Ou sexa a cambio de deixarche ver o radar —ou dicir que cho van deixar ver— fanche un rexistro a fondo. Sen afán recadatorio. A min o único que me parece mal é que así van coller aos despistados, non a ese 10% de persoas que máis que a condución, practican o vandalismo. O xusto sería una limitación de velocidade realista e un control en cada sinal de tráfico, e así xa saberíamos ao que aternos. (E dito isto é cando vou ter que evitar deixarme ver un par de semanas).

 La Opinión de A Coruña, 21/2/2015

Advertisements