Etiquetas

, , , , ,

Víctor Hugo estrañábase da crenza firme que os malvados tiñan en que todo lles ía saír ben. A min o que me estraña é que lle estrañara a Víctor Hugo. Non sei moi ben como era a Francia do século XIX na que el viviu, pero imaxino que non todas as historias acababan como as das súas novelas, pasándoas canutas, pero con final feliz, como en Les misérables ou Notre Dame de Paris (ben, nesta morría ata o apuntador, dentro do canon romántico, pero era final feliz porque morría o malo). E temos que supoñer que desde aquela, as cousas algo melloraron. Mesmo por aquí, aínda que finais felices haxa poucos, e como moito, o mérito é empatar. O que non cambiou é que o mal non triunfará, pero tampouco o castigan. Quero dicir que mentres nos predican as virtudes do esforzo, da produtividade e da austeridade, esquecen outra que é a da responsabilidade. Que as decisións teñen consecuencias, non soamente penais ou políticas, senón tamén profesionais.

Por exemplo, agora a investigación sobre os sucesos do Manzanares, onde morreu Javier Romero, Jimmy, parece ir na dirección que nun primeiro momento apuntaría calquera que se tomara a molestia de escoitar a declaración de testemuñas presenciais non implicadas na liorta entre Riazor Blues e Frente Atlético, como camareiros e clientes dos bares que se converteron en espectadores forzados da batalla. Segundo comentaban diante de calquera micrófono que lles puxeran diante, había unha tropa do Fronte Atlético disfrazada de milláns astrays que desfilaba pola ribeira do Manzanares sen máis estorbos que os propios de levar toda a noite dándolle, e en cando divisaron aos deportivistas, foron a por eles con todo o que levaban, que era bastante. Segundo se sabe agora, con coitelos que pasaron nunha bandexa á libre disposición de quen botara man deles, e outro armamento que tiñan agachado en coches.

Pero boa parte das informacións nutríronse coa especie, que algúns atribuíron a fontes policiais e outros a ninguén dando por suposto que os xornalistas son omniscientes, que os dous grupos ultras quedaran por whatsapp. Se lle colleron as mensaxes despois nos móbiles porque non nolos ensinaron, e se os interceptaron antes, porque non previron a batalla. Porque, polo que se ve, era todo un bulo destinado a distraer a atención da evidente neglixencia cometida polas forzas de seguridade de Madrid, non importa a que nivel. Neglixencia tan obvia e tan grande que houbo que botar máis fume nos ollos: que se no Deportivo non avisaron, que si que avisaron, pero con acento gallego que no se les entiende nada, que coa sutil manobra de ir alugar os buses á remota provincia de Lugo lograron despistar ata o CNI. E aquí, toda unha man de xente xustificando que se o tipo morreu, algo faría, que boa pinta non tiña.

Entendo que agora, como non hai a quen facerlle preguntas, ou polo menos non hai quen dea respostas, non hai quen contraste nada. Pero facerlle caso acriticamente a unha Delegada do Goberno que dixo nunha ocasión que os causantes duns disturbios en Madrid eran “300 radicales de una escisión de Resistencia Galega” é como facerllo a un que che recomenda plantar percebes na horta. O caso é que ninguén investigará as responsabilidades dunha neglixencia profesional.

 (La Opinión de A Coruña, 7/2/2015)

Advertisements