Etiquetas

,

“De verdade que non, que non quero nada. Non sexas parvo/parva. Non ves que é unha trangallada, unha festa comercial sen sentido nin tradición ningunha? De verdade, faime caso. Como moito, saimos tomar algo, un viño e para a casa, e máis nada. Que NON, pesada/pesada!”. Seguro que vostede protagonizou coa súa parella algún diálogo cuspido a este, e polo seu ben, espero que non teña picado. Porque el/ela, si quería algo polo San Valentín. Quizais llo dixo ao remate do día, de maneira delicada: “pois si, cari, perdoa, pero algo esperaba”. Ou non: “claro que quería algo!, como non ía querer algo? Todo o mundo espera algo, quitado que a súa parella sexas ti!”. Ou quizais non llo diga, pero dentro, frío como o interior das croquetas conxeladas cando as frito eu, sempre estará aquilo de “mira que lle custaba regalarme aquel cable de datos para o iPhone que lle levo dicindo que necesito desde hai tempo”.

         Pois o de San Valentín, é unha tradición sólida, como todas as que inventou a Igrexa Católica. Tan sólida, que se remonta a finais do século VI. Seguía vixente a tradición das festas lupercais da antiga Roma, unhas celebracións da fecundidade que tiñan lugar o 15 de febreiro e consistían en que uns homes en pelota (os lupercos ou amigos do lobo) untados de sangue de can e macho cabrío andaban polos montes dando vergallazos a quen atopasen (o de sufrir nas festas e subir na montaña rusa ou no canguro xigante debe vir daquela). O Papa de entón, Xelasio I, prohibiunas, e fixo algo máis efectivo: substituílas. A un sacerdote chamado Valentín que ao parecer casaba xente ás agachadas douscentos anos antes, cando o emperador o prohibira porque a xente casada non tiña ganas de ir á guerra, Xelasio converteuno en San Valentín, e decretou que se lle dedicase o día 14 de febreiro, e fose o patrón dos namorados (e dos epilépticos, non se sabe se porque tamén sofren trances ou porque no santoral pasa como na Xunta, que un mesmo conselleiro se fai cargo de asuntos que non teñen porque estar moi relacionados). A Igrexa quitouno do calendario en 1969, por non ter os papeis, pero aí sigue.

A cousa prendeu nos países xermánicos e anglosaxóns, de aí ás pantallas, e aquí temos a San Valentín. De todas formas, os comercios si teñen que ver. En España, a idea lanzouna un periodista, César González Ruano, poñendo como exemplo o bo resultado que dera o Día de la Madre (e tanto, a ver quen deixa agora a unha nai sen regalo!). E apañouna Pepín Fernández, o fundador de Galerías Preciados, que puxo o primeiro anuncio do Día de San Valentín o 3 de febreiro de 1948. No Xapón, o 14 de febreiro comezou a celebrarse exactamente en 1958, e por iniciativa dunha marca de chocolates. Tal e como son alí as cousas, son as mulleres as que lle regalan chocolate aos homes. Tempo despois os pasteleiros impuxeron o costume de que os homes correspondesen un mes despois, o 14 de marzo, con chocolate branco.

Pero se queren manter as tradicións de verdade, e celebrar as lupercais, non teñen máis que ir a Xinzo, Laza, Verín. Os xostregazos que dan coas vexigas ou cos mallos os cigarróns, pantallas e peliqueiros son herdeiros daqueles que daban os amigos do lobo polos montes de Roma.

 (La Opinión de A Coruña, 14 de febreiro de 2015)

Advertisements