Etiquetas

, , , ,

Recoñezo que cheguei tarde ao debate crucial do ano. O de se o vestido era azul e negro ou branco e dourado. A información seria e importante está xa tan pouco xerarquizada e colocada onde cadra, que souben do caso por un debuxo de O Bichero, no que dous patróns debatían e un terceiro, cun sorriso color granate, terciaba: “Tinto barrantes!”. Porque a moitos pareceralles que medio mundo debatendo sobre se un vestido era dunha color ou doutra, como se iso fose importante, o ton ou o vestido en si mesmo, era unha trangallada, comparable a daqueles sabios bizantinos que dedicaban o tempo a discutir cantos anxos cabían na punta dun alfinete mentres os turcos asaltaban as portas da capital do imperio. Non é tal. A parvada do vestido, como outras moitas cousas que teñen entretido a medio mundo e que por fóra parecen, efectivamente, parvadas, son o resultado de elaborados plans formativos.

A lenda do vestido do que comezou cando unha cantante escocesa, Caitlin McNeill publicou en Tumblr —outras versións din que en Facebook— a foto do que ía levar a nai da noiva nunha voda na que ía actuar. Caitlin —ou os noivos, na outra versión— preguntaban de que color era, e aí prendeu a chispa que fixo arder internet, segundo a expresión habitual. Segundo unha enquisa publicada por Buzzfeed o 74% dos preguntados vían o vestido branco e dourado. Noutro estudo de facebook, o 58% da xente era partidario do branco e dourado, porcentaxe que no caso dos homes ascendía ao 94%! A color non existe, é un atributo subxectivo, unha interpretación que fai o noso cerebro da lonxitude de onda da luz que reflicten as cousas, pero ser o vestido era azul/negro, obviamente. Digo obviamente porque as mulleres detectan mellor a luz e recoñecen máis colores. Tamén temos unha diferente percepción do tempo, para elas un minuto é de media uns 11 segundos máis longo que para nós, e para todos dura máis baixo unha luz vermella que cunha azul, segundo uns experimentos do programa Horizon da BBC.

De feito, a paleta gráfica masculina tradicional consistía en amarelo, verde, marrón, etc., cada un nas súas variantes claro, escuro ou normal, e os alardes de sibaritismo cromático reducíanse a saber a existencia do azul mariño e ao verde botella (cualificativos virilotes, ademais). Ata que viñeron os coches coas súas ricas gamas tonais. Un amigo xa non che dicía que tiña un Opel Corsa verde escuro, senón verde Windsor. Hai pouco, un cuñado comentoume que se decidira por fin a cambiar de coche, e o novo era color “plata cubanita”. Así, en diminutivo, díxome con certa vergonza. A mesma que lle debeu dar ao comercial do concesionario, imaxino. Pero ao que iamos co do vestido. Non crerán iso da dúbida da nai da amiga de Caitlin McNeill. É todo unha conspiración moi ben argallada. Suponse que polos do Informe Pisa ese da Educación, ou pola Unesco, ou así. Van creando fenómenos destes nas redes sociais, para ir ilustrando á xente sen que se dea conta e colla coñecementos sen alarmarse. Agora xa medio mundo, desde Kim Kardashian ata eu, temos unhas mínimas nocións de colorimetría e ilusións opticas. (Agora, así, entre nós, ben se vía que o vestido era azul).

La Opinión de A Coruña 7 de marzo de 2015

Advertisements