Etiquetas

, , , ,

Antonte participei na presentación do libro de Antón Losada Los ricos vamos ganando. O título está sacando da frase do multimillonario Warren Buffet, “claro que hai loita de clases. Pero é a miña clase, a dos ricos, a que empezou esa loita. E imos ganando”.  Buffet, que está sempre entre os cinco máis ricos do mundo, afirmou non entender por que a súa secretaria paga un 33% de impostos mentres el, que gana considerablemente máis, non sube do 19% a porcentaxe do que ten que ingresar. O libro de Losada asegura, en liñas xerais, que os ricos fartáronse de ter que subvencionar o estado de benestar, e que a crise non foi un paso en falso do que nos podemos recuperar todos, ou a maioría, antes ou despois. Non, foi un cambio de sistema e as cousas non volverán ser como antes. Ou si, volverán ser como moito antes. Como no tempo dos señores e dos vasalos, e imaxinen que papel lles tocou xogar.

      Porque “o diñeiro xa só compra forza para manter o poder nos países pobres. Nos países ricos patrocina ideas”, asegura Losada. Hai que asegurarse que a xente elixe a opción axeitada, para que elabore as leis adecuadas, que volvan os excesos laborais ao rego, e manteña as exuberancias expresivas dentro dos límites que lle pete á autoridade gobernativa, como antes, sen xuíces polo medio (niso consiste a famosa Lei Mordaza). E por se acaso, non sexa que, a mellor idea a propagar é a da antipolítica. A de que a política non vale para nada. Ou aínda máis: a política é corrupción, indefectiblemente. Os políticos queren o poder para corromperse, para prevaricar, para ditar medidas inxustas son pleno coñecemento. O que non se sabe é por que. Ben, si, por cartos. Ou por uns regalos de chichinabo, nalgúns casos. Pero parece que son como os xefes de Spectra nas películas de 007, que buscan o mal polo mal, dominar o mundo para acabar con el, cando xa están tan a gusto nunha base secreta de moito pistón e todas as comodidades, atendidos por unha chea de xente guiadiña e sen sindicar.

Os políticos presuntamente corruptos téñense que poñer chulos ou agachar a cabeza, segundo como lles vaia no partido. E andar nos titulares, pero, que pasa con quen lles paga? Os empresarios que obtiveron beneficios e prebendas como moito prestan declaración como pobres vítimas dunha extorsión. A situación lembra a dos adúlteros nas lexislacións musulmás, que castigan unicamente ás mulleres cando é un delito que necesariamente precisa dous autores. Quizais vostedes non se enteraron —apenas se tratou nos medios— de que un dos nosos empresarios máis ilustres, o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, pasou pola Audiencia Nacional a intercambiar información cun maxistrado sobre unha gravación que revelaba que lle pagara 300.000 euros ao conseguidor da trama Púnica, Alejandro de Pedro para “contrarrestar a la prensa en sus campañas con jugadores” (?). O xuiz preguntoulle se De Pedro lle pedira cartos para o PP, e Florentino respondeulle, literalmente: “Me molesta mucho la pregunta. Yo tengo muchos años, tengo una empresa que tiene doscientos y pico mil trabajadores… La respuesta es no. Si me conociera usted, no se habría atrevido a hacerme esa pregunta. No hay sobres ni dinero. Ni en negro ni en blanco”. “A ver si vamos sabiendo quien manda aquí”, faltoulle dicir.

 (La Opinión de A Coruña, 9 de maio de 2015)

Advertisements