Etiquetas

, , , , , , ,

Á hora de analizar como nos vai pódese botar man das estatísticas do INE, e comprobar que o produto interior bruto, o que os economistas de levita chamaban a riqueza dun país, experimento no terceiro trimestre de 2014 un sólido aumento interanual do 1,6% en España, mentres en Galicia é como se non fixera nada: subiu un 0,4%. Se en 2014 se crearon en España 434.000 empregos, un 2,5% máis (aínda que boa parte sexan de dúas horas á semana), en Galicia non se creou ningún e mesmo se perderon 2.000 postos de traballo. Pero non fai falta botar man dos números, incluso de números que agachan traxedias humanas detrás. Miremos as miserias humanas cara a cara e vexamos que non hai comparación posible ningunha.

    Vexan, por exemplo, o caso dese policía nacional, de orixe non aclarada, pero que debe ser lucense, dado que só se informa que “está destinado” en Madrid, pero os feitos transcorreron en Lugo, e xa se sabe que o culpable sempre volve ao lugar do crime. E neste caso, o policía é o —presunto— culpable. Falo dese tal axente da Policía Nacional que extorsionou a un pequeno empresario de Ferrol. A cousa comezou en  2013, cando o tipo, chamémoslle polas iniciais profesionais PN, chamou ao empresario, PE, dicíndolle que ou lle daba uns cartos, ou daría a coñecer uns feitos da súa vida, non ilícitos, aínda que tampouco edificantes, pero que, en todo caso, o seu protagonista prefería que seguisen pertencendo ao ámbito privado e non ao público, e en todo caso, que non se lle enterase a muller. Da primeira chantaxe obtivo, nunha cita en Vilalba, entre 200 e 500 euros. A vez seguinte, n’As Pontes, xa foron 1.500. Á terceira, a petición roldaba os 5.000. Así que o chantaxeado PE decidiu denunciar a situación, e como o chantaxeador PN non debía ver moitas películas do xénero, foi cachado en flagrante recollida dos cartos polos seus compañeiros de traballo. Resultou que PN vira a matrícula do coche da súa vítima estacionada no parking dun club de alterne e saber o seu nome e estado civil era so meter as cifras nun ordenador.

Comparen esta trapallada de delito (non falo da súa maior ou menos gravidade, senón da sutileza e complexidade na súa elaboración e execución) coa traxectoria e coas mañas do comisario José Manuel Villarejo. Villarejo é un funcionario policial que grava a conversa que ten co vicepresidente dunha comunidade (o hoxe presidente da de Madrid, Ignacio González) na que segundo o gravador, o gravado pídelle que oculte un delito, e segundo o gravado, o gravador tenta extorsionalo. ( Non, non é Los Soprano, é o poder na capital de España). Villarejo é un comisario condecorado nun acto reservado e extraordinario polos servizos prestados ao Estado/Goberno/España investigando sen control xudicial a políticos cataláns con tentacións soberanistas (con resultados como a noticia falsa das contas de Artur Más en Suíza ou as verdadeiras da familia Pujol). O comisario é un home vinculado con 12 empresas con 16 millóns de euros de capital, honestamente ganados nos dez anos que estivo en excedencia, facendo traballos como o de detective privado para a Igrexa da Ciencioloxía.

Miren e comparen ao noso PN, cos seus 1.700-2.000 euros mangados ao putero, con perdón, co patriota Villarejo. Así non imos a ningures. En nada.

La Opinión de A Coruña, 14 de marzo de 2015

Advertisements