Etiquetas

, , , ,

O da xornada de reflexión é unha de tantas rodas de muiño que tragamos como se fosen requisitos democráticos, cando son usos que quedaron aí non se sabe por que, como o de votar en domingo. (Ben, o de votar en domingo si se sabe por que, en teoría para estimular a participación, e de paso para non ter que pagar as horas). Ninguén necesita un día para reflexionar, e o que todos desexamos, electores e candidatos, e que todo acabe canto antes, yquesealoquediosquiera. En realidade, a xornada de reflexión é de acougo, porque hai quen chega tan disparado ao décimo quinto día da campaña e infinitísimo da precampaña, que se non frea 24 horas pode pasar calquera cousa. Se relacionan a Ada Colau con Bin Laden porque o antigo protexido da CIA e exsocio de Bush tiña un libro de Chomsky, autor que asinou a favor de Barcelona en Comú, alguén pode dicir que Pablo Echenique é un mutante porque vai en cadeira de rodas como o profesor Charles Xavier de X-Men. Pero non está mal ter un tempo para pensar nas eleccións.

  Por exemplo, en base a que os partidos políticos teñen acceso ao censo electoral, é dicir, ao nome e enderezo postal de todos os cidadáns maiores de 18 anos. Para enviar propaganda e papeletas electorais a casa, claro. Hai unha chea de establecementos comerciais que tamén me inundan a caixa de correos, a miña ou a da comunidade, de publicidade que tampouco preciso sen necesidade de que teñan —espero— as miñas señas. E tampouco preciso, nin eu nin ninguén, as papeletas. Hainas nas cabinas. Se non houbese máis opción que escoller o voto nelas, aforrariámonos nada máis e nada menos: 1. Que unha información tan sensible como o nome e domicilio de todos os cidadáns maiores de idade estivese en mans duns señores particulares, algúns moi respectables, pero outras cunha notable tendencia a cometer delitos dos chamados non violentos. 2. Un gasto de miles de millóns de euros en papeletas. 0,22€ de axuda pública por elector nas candidaturas ganadoras, e en canto aos gastos privados, en fin, todos sabemos, logo de que prescribe, de onde sae a meirande parte dos cartos das campañas. 3. O espectáculo bochornoso e bananeiro do carrexo. O vergoñento do fenómeno non é o transporte do votante, que non deixa de ser un servizo, é a humillante entrega do sobre.

E finalmente, en base a que, un señor ou señora acreditado por un partido está onda os responsables da mesa electoral, indistinguible con eles, apuntando as votacións? É dicir, por que PP, PSOE, BNG ou Podemos ten que saber, e rexistrar, censo en man, se Xosé Manuel Pereiro Sánchez votou ou non? (e xa postos, por que os membros da mesa o teñen que proclamar a berros, como se lle interesase a alguén que non fose ao propio elector?). É raro que ningún partido pedira, que eu saiba, acabar con iso. Xa sei que acordei tarde, e que estas eleccións son para escoller corporacións locais, pero como tamén son para medrar, estar coa maioría, facer o cambio ou a creba democrática, empezar a liberar o país, etc, fáganme o favor de ir pensando/prometendo que para as que veñen xa votaremos como se fose unha democracia normal.

 (La Opinión de A Couña, 23 de maio de 2015)

Advertisements