Etiquetas

, , , ,

Se me permiten unha confesión, das peores situacións que recordo, cando máis dúbidas me atravesaron e máis considerei que que porra de mundo este, foi unha cando tiña quince anos. Non falo dos malos tragos da vida, senón desas situacións nas que tomar unha decisión é como escoller entre o risco de gangrena ou quedar sen perna (pode parecer esaxerado, pero era o acaído no contexto das miñas lecturas xuvenís: Jack London, Salgari, Stevenson ou o Capitán Marryat). Paseinas parecidas cando tiven que decidir, xa de adulto, entre varias opcións profesionais, ou se mudarme de casa. Pero nada comparable aos suores, noites en vela e anos de vida noviña que perdín mentres me decidía se me presentaba á revalida de sexto de bacharelato.

     Hai moi, moito tempo, cando bacharelato eran seis anos, había unha reválida en cuarto, que che daba o diploma de bacharel elemental —vaia nome!— e outra en sexto, que che outorgaba o pomposo título de bacharel superior. Eran dous exames tremendos, case como os exames imperiais do acceso ao mandarinato en China. Cando me chegou a hora, a reválida de sexto deixou de ser obrigatoria, facendo feliz a toda unha xeración. Pero un profesor suxeriu a meus pais que mellor era facela, por un se acaso. E meus pais deixaron o “se acaso” ao meu criterio. Coñecéndome, algo moito máis efectivo que se fose unha orde. Pero parecíame absurdo. Para que sufrir aquela ordalía, se non valía para nada, e máxime cunha nota media próxima á matrícula? Aínda hoxe soño con matar lentamente a aquel profesor.

Agora, vexo a nenos de oito anos, entre eles o meu, padecer semellantes tránsitos. “¿A tí te parece que puedo repetir?”, escoiteille o outro día nun recreo a un neno todo angustiado preguntarlle a seu pai, imaxino que igualmente agoniado. Que os alumnos de terceiro de primaria, nenos de 8 e 9 anos, vaian ser sometidos a un exame de avaliación de coñecementos en linguas e matemáticas por profesores alleos non ten máis sentido que empezar a marcar ás criaturas en todos os aspectos. A marcar como as reses, co ferro candente do nivel académico irreversible e coa marca indeleble do medo como motor da aprendizaxe. Marca tamén aos profesores, nerviosos ante a impotencia de ver xulgado o seu traballo, e clasificado o centro, polos resultados dun exame chafulleiro e insuficiente. Enténdanme, non son dos que pensa que hai que premiar sempre a todos, a todas as idades. Nin sequera teño claro iso da promoción automática. Son partidario das oposicións para conseguir postos de traballo non porque garanta seleccionar aos mellores, senón porque me parece o sistema máis xusto e equitativo. Pero unha cousa é inculcar a importancia do esforzo e o traballo, e outra é meter en cativos, pais e profesores os valores de Mad Max III. La cúpula del trueno (“¡Dos entran, uno sale!”). Se a cousa non tivese un fedor clasista real que bota para atrás, é como para imaxinar a Wert como un malo da Marvel, o Sexador Educativo Tolo, clasificando colexios en centros para a elite, medio pelo e carne de canón.

A todo isto, eu acabei facendo aquela reválida. Pasei o peor verao da miña vida, fixen o exame nun estado de catatonía e aprobeina. Non me serviu para nada. Se por min é, este ano o meu fillo non a fai.

( E non a fixo)

(La Opinión de A Coruña 16 de maio de 2015)

Advertisements