Etiquetas
Non me gusta a xente que pide que se corten cabezas. Esa circunstancia sempre me acorda a contestación de Pío Cabanillas cando lle dixeron que alguén pedía a súa: “¿Para qué?, ¿para usarla?” Pero agora que están de moda as metáforas náuticas sobre capitáns e grumetes penso que quizais nese barco vaia sendo hora de que fagan caso da suxestión dun amigo meu: os que fixaron o rumbo de derrota (en derrota) deberían ser abandonados nunha dorna con auga e comida para sete días. Como fixeron os amotinados da Bounty coa oficialidade. A diferenza é que na Bounty había un Fletcher Christian.
No meu modesto entender coido que o que sobran nas bountys actuais son os “malosbrandons” (na súa peor versión, claro!). Aínda que entre o nacionalismo de mesa camilla e o nacionalismo antisistema fityfity ando algo despistado ultimamente…
Cabería un amotinamento ao Bounty de as responsabilidades non seren partilladas e enormemente transversais. Nos acertos, e nos desatinos. A existencia de diferentes percepcións ou vertentes ideolóxicas a cohabitarmos na fronte, non se pode transpoñer mecanicamente sobre o mapa dos nosos fracasos, colectivos. Non habendo esa simetría, sob a que tracexar a liña que separe os Fletcher dos Blight, cómpre fuxir da teimosa tentación da purga (nun ou noutro sentido), aplicada a outras ou a un propio (cisión), que vén sendo un remedio tan ineficiente como as sangrías medievais. En troca, debemos abordar o debate sabendo que o que máis pesa nas nosas equivocacións colectivas, que o verdadeiro lastre non son as persoas equivocadas, senón as ideas erradas. E esas, por sorte ou por mágoa, están ben repartidas. Inda que a corresponsabilidade, con certeza, non se reparta alicuota. Do contrario, só habemos asistir a un estéril axuste de contas.
Concordo. As purgas deixan débil ao paciente, e aínda máis (non sei se en medicina, pero desde logo en política e en xeral na sociedade) crean anticorpos, ansias de vinganza e cousas así de malas. Cando unha maioría decide un rumbo e se revela como equivocado, a responsabilidade é en boa parte colectiva. Pero hai que lembrar aquilo de -creo- Paul Valery de que quen discute defende dúas cousas: unha postura e a si mesmo. Quen encarnou esas ideas e esa maioría debería dar un paso a un lado.
Nese sentido, que quen se aparte sexa Vence -que todos sabemos que, efectivamente foi un portavoz mais que un dirixente- non me parece o mellor síntoma. Ou en todo caso, é unha medida necesaria pero moi insuficiente, sobre todo se non vai seguida dunha análise (antes chamábase autocrítica) de por que as cousas están sucedendo como están sucedendo. Para min que hai moita xente que pensa que as cousas se fixeron ben e a culpa estivo fóra.
E humilde e azarapalladamente, quizais non sexa problema de persoas -ainda que quen foi parte do problema non pode ser parte da solución, non sei se cara dentro, pero desde logo cara fóra- pero tampoco de todo de ideas erradas. Probablemente a meirande parte da culpa a teña a forma de tentar plasmar ou levar adiante esas ideas, a praxe.
Calquera que estea moi convencido de ter razón -en xeral todos o estamos, pero non a todos nola dan sempre- seguirá actuando como se a tivera, aínda que a realidade o desminta, e sobre todo, sen sometela ao ritmo de que os demais a asuman ou a debatan. Hai tempo que no BNG hai máis desconfianza ou mesmo inimizade que proximidade aos compañeiros de viaxe. E eses son luxos que nunca se pode permitir un movemento que ten case todo en contra.
En todo caso, a miña invocación á Bounty era unha reacción a esa xente que se porta como os deuses aztecas (como os sacerdores dicían que se comportaban os deuses, vamos), sempre esixindo sacrificios de sangue en base a non se sabe exactamente a que.