Etiquetas
corrupción, economía, James ellroy, novela negra, política, Rodrigo Rato
O outro día entrevistei a James Ellroy, un dos bótolle que arredor de douscentos xornalistas que o entrevistaron na súa xira ibérica de presentación de Perfidia¸ o seu último libro. Ellroy seduciume como escritor o bastante como para terlle lido todo o que publicou en español, que xa veñen sumando, sen a última, trece novelas, dous libros autobiográficos e tres ou catro recompilacións de relatos breves ou artigos xornalísticos. Como persoa, os seus primeiros 30 anos de vida foi un ser pouco recomendable, por dicilo suavemente, e os trinta e pico seguintes, aínda que os dedique a escribir, quizais non teña mellorado substancialmente, aínda que si socialmente. É á vez un moralista extremo, un asocial militante, e un autor disciplinado que sabe das obrigas das promocións de libros. Non contesta preguntas de política —limitase a definirse de extrema dereita— nin de actualidade. En realidade, moléstalle calquera pregunta que non se refira ao libro que está promocionando. Así que me limitei a comentarlle que a política española sería unha excelente inspiración se algún día quería deixar de ser o demon dog, o can rabioso da literatura que lle encanta facer que é, e prefire ser o demo a secas, un trasno. E iso que cando llo dixen non sabía o da presunta detención de Rodrigo Rato.