• About
  • Arquivos

Si home si

~ Outro periodista no millo

Si home si

Tag Archives: Cultura

Biblioteca Lois Pereiro

23 Sábado Mai 2015

Posted by sihomesi in Si home si

≈ Deixar un comentario

Etiquetas

AELG, Biblioteca Municipal, Cultura, Día das Letras, escritores, literatura galega, Lois Pereiro, Manuel Rivas, Monforte de Lemos, poesía

Hoxe andarei por Monforte, porque alí aínda é Ano Lois Pereiro. Éo nos corazóns —ou na víscera onde cada quen faga residir a emoción— de moita xente, pero na cidade onde el naceu éo oficialmente, por decisión do Concello, e hoxe celébrase o acto polo que a Casa da Cultura e a Biblioteca se chamarán desde agora Poeta Lois Pereiro.

Foto Carlos Cortés. La Voz de Galicia

A mesma Casa da Cultura onde tivo lugar a sesión solemne da Real Academia do Día das Letras Galegas, hai catro anos, naqueles días nos que lle acabei collendo algo de manía ao meu irmao pequeno de tanto traballo que deu. O de hoxe será algo máis sinxeliño. Acudiremos unha requitropa —que é a monfortina expresión para culimaia, ou rabaño máis ou menos humano— de persoas, diremos cousas, agardo que breves, e hala, a facer tempo ata a noite a escoitar a Vera Lynn e a Tres Trebóns.

Biblioteca Lois.B

Ben, antes do “hala!”, a familia daremos uns libros deses que son difíciles de atopar.  Un facsímile, a obra completa bilingüe e dúas traducións da poesía completa, á que fixo ao inglés Jonathan Dunne e a que fixo ao búlgaro Tsvetanka Elenkova.

Loia 4

Cuberta tradución bulgaro

A importancia do inglés non fai falta que a proclame eu, xa se encargan as autoridades educativas deste país, pero no que atinxe ao búlgaro, a min paréceme que calquera biblioteca que se prece debe contar nos seus andeis con edicións en búlgaro, ou en finés, ou lingua así. Pero sobre todo, nestes tempos nos que o acceso ao coñecemento, ou polo menos á información é ben doado, calquera biblioteca debe contar con libros. As bibliotecas están ben para traballar sen ceder as distraccións, para acceder a internet quen non o teña na casa, ou para consultar datos inasequibles por outros medios. Pero unha biblioteca é para ler libros nela, en recollemento colectivo, ou levalos para casa a desfrutalos a soas.

Cando Lois e eu eramos nenos, os libros entraban na casa nos santos, nos aniversarios, e nos desprazamentos por cuestións médicas, fundamentalmente —ai!, e ese “ai!” non é retórico— ao dentista. Pero entre cumpreanos, empastes e revisións oculares, estaba a biblioteca da Caixa, e alí Julio Verne, Salgari, e unha chea de refuxios, tropicais ou glaciares para as tardes de néboa ou de aburrimento. Supoño que os políticos devecen por ter rúas e prazas co seu nome, barcos de guerra ou acordos de paz. Tanto que mesmo lles poñen a placa en vida, o que se sabe se evidencia máis os méritos dun ou o peloteo dos outros.
FullSizeRender

Pero para un escritor, que mellor que unha biblioteca, unha das trincheiras que nos van quedando contra a barbarie ilustrada —ilustrada non porque ilustre, senón porque ten “santos”, imaxes—. Tampouco está mal que che dediquen un colexio, pero o malo dos centros do ensino é que as experiencias son daquela maneira, e sempre corres o risco de escoitar: “cada vez que me lembro do Otero Pedrayo danme ganas de converterme nun asasino en serie”, sen que o pobre don Ramón teña culpa ningunha. O peor que che pode ocorrer nunha biblioteca é que sexan pouco delicados lembrando que hai un ano que tes un libro na casa. Polo demais, como lle escoitei unha vez ao irmán Rivas citar a René FullSizeRender2Char: “Dans mon pays, on dit merci”. No meu país danse as grazas.

 

(La Opinión de A Coruña 11 de abril de 2011)

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

Outro marcador interesante: Filgueira

14 Luns Xul 2014

Posted by sihomesi in Non sei eu..., Si home si

≈ 2 Comentarios

Etiquetas

Cultura, Día das Letras, Filgueira Valverde, frnaquismo, Galicia, literatura, política, Real Academia Galega

O homenaxeado do Día das Letras 2015 ganou por un voto, logo de ir perdendo en todas as votacións. A maiores do xénero da diatriba e da xusta indignación, non estaría de máis practicar o da análise de por que ao final gana o que sempre perdeu. Esta foi, ou moi probablemente puido ser, a secuencia das votacións

  1.  (Nas dúas primeiras, cada un dos 26 académicos asistentes dispuña de 2 votos, agás Manuel Rivas, que votou por correo, e non puido repetir)
    • 16 Manuel María
    • 13 Celestino Fernández de la Vega
    • 10 Xosé Filgueira Valverde
    • 9 Ricardo Carvalho Calero
    • 5 Xela Arias
  2.  (quedan fóra Carvalho e Arias)
    • 19 Celestino Fernández de la Vega
    • 17 Xosé Filgueira Valverde
    • 14 Manuel María
  3. (queda fóra Manuel María)
    • 10 Xosé Filgueira Valverde
    • 9 Celestino Fernández de la Vega
    • 5 votos en branco
    • 2 votos nulos

Polo demais, xa escribín o que NON me parecía a elección. Hai quen di que iso non é pronunciarse. Non deben ser xente de letras, senón de números.

Filgueira e a segregación

Saberán que escolleron a Xosé Filgueira Valverde como autor homenaxeado para o Día das Letras Galegas do 2015, en realidade para o que queda de ano ata o 17 de maio de 2015, que é o que ven durando o mandato de cada galardoado. Eu teño a miña opinión sobre o asunto, que me vou gardar, por razóns obvias que se remontan a xullo de 2010, cando estiven máis que de acordo co designado para as Día das Letras de 2011, e polo tanto, non me parece elegante andar cuestionando acordos posteriores. Só comentar que hai decisións que, sendo lexítimas, son máis oportunas ou menos, ou mesmo nadiña. E tamén que non deixa de ser unha mágoa que todos os méritos culturais de alguén vaian quedar ocultos por outro tipo de deméritos, ou polo uso que poidan facer deles uns e outros. Seguir lendo →

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

A (in)cultura da subvención

12 Luns Ago 2013

Posted by sihomesi in Si home si

≈ 2 Comentarios

Etiquetas

Administración Pública, automoción, Cultura, empresa, minería, Sectores productivos, Subvención

Se a noite de San Xoán Galicia a vista de paxaro debe ser unha miríade de puntiños de luz que se achican e se agrandan, a semana que ven, a oído de paxaro, o país será un rebumbio de watios de sons de todo tipo (non sei se este ano seguirá vixente El Polvorete ou cal é o éxito que arrasa nos palcos este verán. Algo de Efecto Pasillo?). Todas esas orquestras, charangas e grupos de baile inundan as nosas prazas e as nosas orellas en boa medida grazas as achegas particulares. Hai si, concertos gratuítos nas cidades, pero son ducias en comparación cos milleiros que se organizan a base de que os patróns que bailan o agarrado e os rapaces con pantalóns pirata e mozas con top que miran uns para os outros nos bochinches se rascaron as carteiras. Ou pagados coas copas. O sector da industria cultural está que trina, e non harmoniosamente. É o primeiro que se considera prescindible ou recortable cando na economía veñen mal dadas. É o que leva a fama de subvencionado, cando en realidade é dos máis autosustentables, e sobre todo, cando outros cardan a lá. Os que menos se espera.

Seguir lendo →

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

Creación literaria.net?

25 Venres Feb 2011

Posted by sihomesi in El País

≈ 2 Comentarios

Etiquetas

Cultura, galego, literatura, redes sociais, Twitter

Reproduzo a reportaxe (s) sobre a creación literaria na rede, publicado en EL PAÍS o 25/2/11

(estas foron as respostas ao completo)

Crear e facer chegar a obra directamente, sen os filtros do editor, distribuidor ou libreiro, sen limitacións de formato, xénero ou espazo. Interactuar co lector. Internet en teoría é o soño húmido feito realidade dun escritor. Desde o que está empezando e se ve como herdeiro da longa tradición de autores aos que lle rexeitaron obras hoxe clásicas, ata o consagrado que gustaría de experimentar fóra do ríxido soporte libro. Internet é un abano no que entran desde os microrrelatos de ata 140 caracteres na rede social Twitter a obras en perpetuo proceso de creación que poden incluír vídeos, audios ou enlaces moito máis amplos e máis sutís que as molestas notas a pé de páxina. Sen embargo, a presenza na rede da creación literaria –non da literatura- é máis ben escasa, polo menos en Galicia.

“Na rede hai moi pouca creación literaria”, confirma o editor Manuel Bragado. “Hai moitos textos, mais poucos con intención de estilo. Creo que é debido a que os textos se escriben nun contexto multitarefa, co que supón de distracción, e pola inmediatez do soporte”. No polo oposto ao director de Xerais, pero co mesmo activismo en internet, está a poeta e actriz Déborah Vukusic: “Haina e en cantidades inxentes, a calidade xa é outro asunto. A rede é unha plataforma de liberdade e polo tanto un pode publicar arreo sen temor, mesmo se non é sempre do xeito máis acertado ou esquece a autocrítica”. Nesa valoración coincide outra ciberviguesa, a profesora Begoña Outeiro: “Hai creación literaria na rede, pero sobre todo existe a recreación literaria, que chega moito máis alá e se mestura coa realidade dun xeito moi diferente á literatura máis canónica. A rede pode supor un problema grave para o sistema literario en tanto que fai máis opaca a dimensión autorial para dotar unicamente de relevancia a mensaxe que se emite”.

Os máis escépticos son precisamente dous autores que fixeron experiencias literarias en internet. “Os escritores, en xeral, teñen menos pudor en anunciar a súa obra que en escribila directamente na rede. Váisenos bastante a forza pola boca: falamos do futuro para non ter que falar do presente, pero case ninguén no mundo se toma en serio un libro se non aparece en papel ou se non ten versión en papel”, afirma Camilo Franco. “Internet é un medio para principiantes en xeral e para autores de xéneros minoritarios (poesía, teatro, ensaio,…). É un océano tan extenso que deberías ficcionar un amor rebelde entre Carlos Callón e Gloria Lago ou algo dese calibre para atraer a atención. Por moito que lles doa aos cibervisionarios, o papel ten un prestixio que nunca terá a pantalla dun ordenador”, considera Jaureguizar.

Con eles coincide máis ou menos (o descreimento parece cousa de xornalistas) a galega bonaerense Débora Campo: “Vivimos nuns tempos nos que o desexo de que algo sexa ou pase é mais forte que a propia realidade. Lánzanse prognósticos que teñen moita difusión (todos os xornalistas temos fame de boas novas), aínda que non teñan moita base. Algo disto pasa coas potencialidades da rede”. No estremo contrario está Sechu Sende, que foi publicando ao longo de dous anos no seu blog o seu último libro, Animais (rexeitado por varias editoriais pola súa opción ortográfica). “Como criador de textos , literarios ou non, a rede permíteme compartilos dunha forma mais directa, sen intermediarios. Podo publicar un poema de Emilio Araúxo, un relato inédito, unha banda deseñada sobre Lois Pereiro, fotos dun mural no cuarto da miña filla…”.

O certo é que o dixital, tarde ou cedo, afectará ao lector e ao escritor. “O que me parece máis excitante e se internet vai transformar a forma de escribir e se xurdirán novas perspicacias lectoras”, pensa Antón Lopo. O director de Galaxia, Carlos Lema, que nun ensaio en Grial definía o ebook como “o libro perfecto”, asegura que “Internet acentúa esa capacidade de control do pensamento crítico a través dos textos porque crea unha continuidade que semella perfecta e na que o pensamento, a interrupción do texto pola vontade do lector-escritor é moito menos factible.” Desde a experiencia (en todos os aspectos: pedíronlle desde Brasil un microconto en Twitter, pero tiña que mandalo por email), Xabier Puente Docampo aposta pola esencia: “A literatura é independente do soporte. O único que define calquera arte é a linguaxe que lle é propia. Interésame o fenómeno literario na rede se o medio lle engade algo que non poida existir no soporte papel: hipertexto. Por aí pode chegar algo máis ca un novo xénero literario”. (De momento, esta reportaxe fíxose completamente a traveso de emails e redes sociais)

As palabras xustas

Como un haiku en prosa, a rede social Twitter (tamén de orixe xaponesa), soamente permite un número limitado de caracteres, 140. A xeito de experimento simple, cun prazo de 48 horas, pedíronse tweets (anotacións) con intención literaria, coa etiqueta #luces para localizalos. Responderon Camilo Franco (“Condicións obxectivas. Eran miles. Berraban: o pobo unido nunca máis será vencido. Cargaron os ERE e saíron correndo cada un polo seu lado”), Xabier Cid (“As chamadas de Daniel —relato rivasiano— Na soidade da ghaima, ao ditador pásanlle o móbil: ti vaille dando, di o home do bigote”), Tati Mancebo (“Oído a un borracho e tuiteado: “A fame é neghra. A fame é neghra como a miña sombra. Rosalía de Castro!”), Noguerol (“Cando estaba a piques de compartir unha historia extraordinaria, por desgracia acabaron os 140 caracteres. Fabas contadas…”) e Florentino Míguez (“Por qué din ‘persoal’, ‘íntimo’ e ‘introspectivo’ cando en realidade é coñazo?”), entre outros, pero non moitos outros (“poucas #luces”, twitteou Berto Yáñez).

Ampliando a chamada a Facebook, houbo algunha achegas máis, entre elas: Marcos Lorenzo (“A depresión non vale a pena”, “Himno do Paro: Es un muchacho excedente, es un muchacho excedente…”), Germán Rodríguez (“La realidad es un sueño con licencia de ocupación”) e José Muñiz (“oía la sirena cada vez más cerca mientras se alejaba con una leve sonrisa”). Quizais non moitas para un universo de 2000 persoas entre dúas redes sociais. O que si houbo, como é característico de internet, debate (María Yáñez: “Xa estamos coa creación literaria. Que pasa, que o que se di en galego no Twitter non é relevante se non é literatura?”, Xabier Cid “Só é literatura se o twittean escritores”, Fernando Tawil “E son escritores se twittean literatura?”) e información: Tati Mancebo avisou dun concurso de microrrelatos que se fixera na rede LemosGalego, Julieta Lionetti, desde Arxentina, do experimento semifallido dunha novela en twitter convocada polo suplemento cultural do diario Clarín, e Pimpante da máis exitosa petición colaborativa do director Tim Burton.

Da experiencia colaborativa (pero a modo) considérase “medianamente satisfeito” o dramaturgo Rubén Ruibal, que publicou en internet un par de pezas feitas a catro mans. “Si creo que o colaborativo é alentador; o que pasa é que para iso hai que matar un pouco o ego e sospeito que entre os que nos poñemos a escribir é precisamente o que sobra”. De feito, hai cen anos, Ambrose Bierce contaba a historia de dous autores que facían un folletín nun xornal, alternando os capítulos, ata que se desamigaron. Un día, ao abrir o periódico, un descubriu que o outro embarcara a todos os personaxes nun barco e afundíraos no máis fondo do Atlántico.

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

Queda inaugurado este pantano

13 Xoves Xan 2011

Posted by sihomesi in El País

≈ 4 Comentarios

Etiquetas

Cidade da Cultura, Cultura, gasto público, infraestructuras

A miña opinión sobre o proceso de creación da Cidade da Cultura. Sobre a cidade xa a terei en canto a vexa.

(Por certo, como me apuntou Xurxo Lobato, a Catedral Nôtre Dame de la Paix está en Yamoussoukro, capital de Costa de Marfil, non en Mali)

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

Cariño e Cultura

27 Luns Abr 2009

Posted by sihomesi in Si home si

≈ 12 Comentarios

Etiquetas

Ánxela Bugallo, Bigotes, Cultura, Francisco Campos., Gürtel, Roberto Varela

“A. – Oye… que te sigo queriendo mucho.

B.- Y yo también… tenía que haberte llamado, te quería haber llamado, para contarte todo, cómo fue…

– Vale, me alegro, pero me han ido informando puntualmente de todo.

– Ya, ya lo sé, pero sobre todo para decirte que te quiero un huevo.

– Bueno, qué… contarás durante muchos años con mi lealtad, ¿vale?

– Perdona, ¿durante muchos años? No, hijo de puta, durante toda tu vida. Ja, ja…”

Hai mañás que a prensa nos alegra o día. Hoxe (o meu hoxe, non o sábado de vostedes) foi un deles. Este diálogo, este tsunami de amor entre dúas persoas, non está sacado de Sin tetas no hay paraíso. A é Álvaro Pérez, un dos imputados no caso Gürtel, agora en prisión, e B Francisco Camps, presidente da Generalitat de Valencia, tamén imputado, pero menos. Lida a conversa, eu non sei se na trama investigada polo xuíz Garzón hai corrupción e tráfico de influencias entre empresas organizadoras de eventos para o PP e cargos do partido, pero desde logo, cariño hai, que é o importante, tanto ten se veu do trato, dos contratos, ou foi frechazo.

Seguir lendo →

Comparte

  • Twitter
  • Facebook
  • LinkedIn
  • Correo-e

Gústame esto:

Gústame Cargando...

Twitter Updates

  • RT @jorgedioni: «El pacto que se les propuso a los españoles, bajo el razonable argumento de cambiar pasado por futuro, fue un cambio de id… 1 day ago
  • RT @LordoLordor: No existe el "efecto capitalidad" pero, tras Sevilla, la provincia con mayor número de grandes beneficiarios de la PAC (lo… 2 days ago
  • RT @xornalistas: Lydia Cacho (@lydiacachosi), Daria Chultsova e Katerina Bakhválova (@Belsat_Eng), a Plataforma na Defensa da Liberdade de… 2 days ago
  • Boa serie de informacións sobre un episodio escuro en todos os aspectos. twitter.com/nataliajunquer… 2 days ago
  • De la serie. «Una democracia plena, una sociedad normal»: Un juez investiga un viaje de lujo de 40 personas a Vietn… twitter.com/i/web/status/1… 3 days ago
Follow @sihomesi

Gardar blog / post

Gardar como pdf

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Artigos recentes

  • 26X: Alguén debe unha cea a alguén
  • O Motín da Bounty
  • Ooola, outra vez
  • E que morren os votantes
  • Hoxe pense noutra cousa (Xornada de reflexión)

Comentarios recentes

tlqqcghlwy en Inxerencias ferroviarias

Arquivo

Categorías

  • El País
    • Municipales 2.0
  • Estoume quitando
  • Kinopravda
  • Matrix Press
  • Non sei eu…
  • Público
  • Permítanme
  • Res Publica
    • Destafoi
    • Destavai'05
    • O que veña 2012
    • Resaca Local 07
  • Si home si
  • TVsihomesi
  • Uncategorized
  • Xeral

Meta

  • Rexistrarse
  • Iniciar sesión
  • Feed de entradas
  • Feed de comentarios
  • WordPress.com

Facebook LUZES

Facebook LUZES

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Cancelar

 
Cargando comentarios...
Comentario
    ×
    loading Cancelar
    A entrada non se enviou - comproba os teus enderezos de correo electrónico!
    Fallou a verificación do correo-e, téntao outra vez
    Sentímolo, o teu blog non pode compartir artigos por correo electrónico.
    Privacidade e cookies: Este sitio utiliza cookies. Ao continuar usando este sitio estás a aceptar a súa utilización.
    Para saber máis, incluído como controlar as cookies, consulta aquí: Política de cookies
    A %d blogueros les gusta esto: