Etiquetas
24M, eleccións municiàis, partidos políticos, política, sistema electoral
O da xornada de reflexión é unha de tantas rodas de muiño que tragamos como se fosen requisitos democráticos, cando son usos que quedaron aí non se sabe por que, como o de votar en domingo. (Ben, o de votar en domingo si se sabe por que, en teoría para estimular a participación, e de paso para non ter que pagar as horas). Ninguén necesita un día para reflexionar, e o que todos desexamos, electores e candidatos, e que todo acabe canto antes, yquesealoquediosquiera. En realidade, a xornada de reflexión é de acougo, porque hai quen chega tan disparado ao décimo quinto día da campaña e infinitísimo da precampaña, que se non frea 24 horas pode pasar calquera cousa. Se relacionan a Ada Colau con Bin Laden porque o antigo protexido da CIA e exsocio de Bush tiña un libro de Chomsky, autor que asinou a favor de Barcelona en Comú, alguén pode dicir que Pablo Echenique é un mutante porque vai en cadeira de rodas como o profesor Charles Xavier de X-Men. Pero non está mal ter un tempo para pensar nas eleccións.