Etiquetas
Antón Losada, desigualdade, Florentino Pérez, pobreza, riqueza
Antonte participei na presentación do libro de Antón Losada Los ricos vamos ganando. O título está sacando da frase do multimillonario Warren Buffet, “claro que hai loita de clases. Pero é a miña clase, a dos ricos, a que empezou esa loita. E imos ganando”. Buffet, que está sempre entre os cinco máis ricos do mundo, afirmou non entender por que a súa secretaria paga un 33% de impostos mentres el, que gana considerablemente máis, non sube do 19% a porcentaxe do que ten que ingresar. O libro de Losada asegura, en liñas xerais, que os ricos fartáronse de ter que subvencionar o estado de benestar, e que a crise non foi un paso en falso do que nos podemos recuperar todos, ou a maioría, antes ou despois. Non, foi un cambio de sistema e as cousas non volverán ser como antes. Ou si, volverán ser como moito antes. Como no tempo dos señores e dos vasalos, e imaxinen que papel lles tocou xogar.