Etiquetas
O Congreso aprobou, cos votos máis que suficientes do PP e nin siquera o apoio da súa franquía navarra, UPN, a LOMCE ou DOCE, a enésima lei de educación da democracia, que nesta ocasión constitúe tamén o enésimo ataque da reacción deste país (e non estou incluíndo a UCD) contra a educación pública. Que eu recorde, as distintas encarnacións políticas da dereita conservadora votaron sistematicamente contra a democratización dos centros docentes e o recoñecemento das APAS (LOECE, 1980), a LODE de 1985 (a pesar de que creaba a figura do colexio concertado, tamén “impoñía” uns requisitos para selo), a LOGSE de 1990, por suposto (introducía a escolaridade obrigatoria ata os 16 anos e o descenso de 40 a 25 alumnos por clase) e despois contra a LOPEG (1995) que tentaba acabar co apartheid nos colexios concertados. O que agora se aprobou é unha reedición doutra Lei de “Calidad” da Educación (LOCE) que o goberno Aznar tiña preparada con reválida, relixión puntuable e todo aquilo que nos fixo felices de nenos.