Etiquetas
Os que se preguntan como o aínda presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva pode gozar dunha popularidade enorme logo de dous mandatos, cando aquí os presidentes esgotan os oito anos coa lingua fóra, xa saben por que. Inflúe, claro, ter deixado ao país como a potencia mundial emerxente. Xa se sabía que o Brasil tiña de sempre os vimbios, pero foron os gobernos de Lula os que o deron feito o cesto, e iso que no seu caso a situación herdada era ben mala. Un dos motivos polos que o vello sindicalista se vai igual ou mellor do que veu é a conexión cos temas que preocupan ou deberían preocupar á cidadanía, estean na axenda política ou non. Demostrouna nunha das súas intervencións de despedida do cargo: “o que me parece estraño é que o rapaz que está a desnudar á diplomacia norteamericana… como se chama…, uiquiliques, foi preso, e non haxa protestas pola liberdade de expresión […] o rapaz pon o que alí leu, e se hai bobadas, a culpa é de quen as escribiu, non de quen as divulgou” (a trapallada de transcrición é miña). Ou sexa, dixo o que pensa case todo mundo, coa excepción da inmensa maioría de gobernos e de medios de comunicación.