Etiquetas
Os desastres retratan sempre dous aspectos, tanto da cidadanía como das administracións: os sistemas de prevención ou de resposta, e a actitude. No caso do Prestige, a cidadanía pasou o exame con nota máis que alta, e as administracións suspenderon clamorosamente. No que respecta á capacidade de prever o desastre ou de remedialo, os gobernos galego e central foron unha calamidade, como lle pasou aos anteriores que se viron neses fregados. Pero no que acadaron as máis altas cotas da miseria foi na actitude: primeiro na de pretender agachar a traxedia, e logo na de embestir contra os que a denunciaban. No dos incendios forestais, a cidadanía non saca tan boa nota, e a administración –a Xunta, a quen lle corresponde o problema- non só suspende en eficacia, como é tradicional, senón que volve ás andadas na actitude: a de pretender ocultar a realidade.