Etiquetas
Ana Botella, Angrois, Hugo Chávez, inmigración, Lampedusa, Madrid 2020, Marte, Olimpic Games, Papa Francisco, Ríos Montt, Siria, xenocidio
Ignoro os mecanismos polos que acometemos o comezo dos anos con algo máis de esperanza que da que tiñamos ao acabar o anterior, e pesar de que adoitamos despedir o ano vello bebendo e recibindo o novo con resaca. Debe ser, como dicía Samuel Johnson dos que se divorciaban e volvían casarm o triunfo da esperanza sobre a experiencia. Ou que nos adestraron así desde pequeniños. De todas formas, repasando a lista cousas que pasaron no 2013, vemos que non todo foi malo, en xeral foi peor. Por exemplo, o 1 de xaneiro morreron 60 persoas en Costa de Marfil celebrando a festividade (o ano Novo, non san Manuel), inaugurando a ringleira de atrocidades que se produciron desde entón, día si dia non, en calquera parte do mundo. E en febreiro dimitiu un Papa, por primeira vez na historia antes de que o fixesen dimitir por medios mais drásticos, aquel Ratzinger que rifaba tanto á xente, e puxeron a un arxentino, Francisco, que como foi, entre moitas cousas, porteiro de discoteca, sabe das debilidades humanas e de abrir a man de vez en cando.